O Consello de política fiscal e financeira trae máis recortes

O goberno español exixe máis recortes aos territorios autónomos limitando o seu endebedamento. Catalunya non asiste á xuntanza pois di que todo estaba decidido e Andalucía abandona o consello co obxectivo de denunciar o acordo perante o Tribunal Constitucional. Asturias e Canarias votan en contra entrementres os territorios gobernados polo PP gardan fidelidade a Rajoy.
Cristóbal Montoro

O Consello de política fiscal e financeira desenvolvido a pasada terza remata coa saída de Andalucía que se sumou á ausencia de Catalunya e unha redución do déficit público das comunidades ao 15,1% do PIB. Así mesmo, o acordo contou con votos en contra de Asturias e Canarias. 

Após a xunta de partido do PP, con que procuraban transmitir unha imaxe de unidade partidaria fronte ás medidas exixidas desde Bruxelas, o Consello que reúne o executivo español c@s president@s dos territorios autónomos, fracasou, aínda que devirá en máis recortes. 

Cataluyna rexeitou asistir plantando o goberno de Mariano Rajoy e Andalucía abandonou a xuntanza. Segundo o voceiro do executivo catalán, Francesc Homs, propónselles asistir a unha reunión "onde todo está decidido", pois asegura "decidiuse a segunda feira na sede do PP".

O govern, que xa rexeitara no anterior consello o obxectivo de déficit do 0,7%, considera que as facilidades que a UE lle deu ao Estado español --aprazando a redución da débeda até 2013-- "non se lles permite ás autonomías", polo que, insiste, non participarán en reunións onde non exista o diálogo.

Pola súa banda, Andalucía abandonou o CPFF, amosándose "contraria aos límites de endebedamento". Segundo a conselleira de Facenda e administracións públicas, Carmen Martínez Aguayo, a Junta de Andalucía levará ao Tribunal constitucional os acordos que se adoptaron na xuntanza desenvolvida a pasada terza, pois entenden, que as obrigas impostas polo goberno español impiden á comunidade exercer as súas funcións. Neste sentido, Carmen Martínez, aseverou que a petición do goberno español é "desproporcionada" e pretende unicamente "dobregar a vontade d@s andaluc@s" recortando prestacións e servizos sociais.

A presidenta de Madrid, Esperanza Aguirre, advirte que a redución traerá máis recortes. 

Máis en Mundo
Comentarios