Corinna Sayn-Wittgenstein, salpicada no caso Urdangarín

Diego Torres -ex-socio do Duque de Palma, Iñaki Urdangarín- entregou ao xuíz instrutor do caso Nóos correos electrónicos en que figura o nome da aristócrata alemá.
Corinna Sayn-Wittgenstein
photo_camera Corinna Sayn-Wittgenstein con El-Rei

O caso Nóos continúa a crearlle problemas á casa Real. Agora son uns correos electrónicos que a defensa de Diego Torres, ex-socio de Iñaki Urdangarín, entregou ao Xulgado de Instrución nº 3  de Palma de Mallorca. Neles figura o nome de Corinna Sayn-Wittgenstein, a quen en algúns medios se vincula co Rei Juan Carlos I. A propia nobre participou en eventos organizados polo Instituto Nóos como o Valencia Summit de 2004, agora investigados pola xustiza.

A xustiza atópase logo con outra relación máis da Casa Real con esta trama. Após da implicación directa dun dos acusados, Iñaki Urdangarin, Duque de Palma, e da infanta Cristina de Borbón, co 50% do negocio do seu marido, agora sae a luz a participación dunha nobre que ten acompañado o Rei nas súas saídas fóra do Estado español (a máis célebre, a excursión a África para cazar elefantes).

Corinna Sayn-Wittgenstein

A aparición nos medios de comunicación de Corinna Sayn-Wittgenstein como suposta amante do Rei sucedeu no mes de abril do ano pasado. Após do accidente de Juan Carlos I en Botswana, cando cazaba elefantes, o xornal El País publicou que a nobre organizaba safaris e outra publicación alemá, Bild, realizou unha extensa reportaxe sobre a súa relación co monarca español. A día de hoxe a Casa Real nunca chegou a desmentir esta vinculación. 

Máis en Mundo
Comentarios