A caverna mediática bate contra Rajoy e desprestixia a consulta

As principais cabeceiras da imprensa madrileña exixen unha "solución política" ao conflito entre o Estado español e Catalunya.

"O Goberno [español] debe recorrer á política para desactivar o pulso soberanista". Así de taxativo é o editorial que publica esta segunda feira (10 de novembro) o diario El Mundo

A imprensa madrileña conservadora e, tamén, a que se presenta como progresista, demandan "retomar a mesa de diálogo" entre Artur Mas e Mariano Rajoy para "pavimentar" unha saída "críbel, compatíbel e duradeira", apunta El País, após máis de 2 millóns de catalás deixar claro que queren un país independente. 

Porén, as principais cabeceiras da caverna mediática española concordan en desprestixiar o 9-N e os resultados colleitados polo soberanismo. E para iso baten contra os censos, os certificados de votos, o número de votantes e a falta de "garantías de veracidade" dun proceso que foi tildado polo executivo de Rajoy como "antidemocrático" e "inútil". Así as cousas, o perfil simbólico da consulta debeuse aos recursos presentados polo propio Goberno español perante o Tribunal Constitucional e a negativa permanente deste a escoitar a cidadanía catalá. 

A imprensa española ridiculiza a consulta

"Non foi unha consulta legal" nen "un exercicio democrático" senón "un acto propagandístico", concordan os rotativos españois seguindo a liña argumental marcada por Moncloa --que se limitou a dar leitura dun comunicado através do ministro de Xustiza, Rafael Catalá. 

El Mundo e El País chaman a Rajoy a "facer política", a "dialogar" e "negociar" con Catalunya. 

"Os participantes roldaron un terzo dos convocados", sinala El País, ao tempo que El Mundo acrecenta: "catro millóns de cataláns decidiron non ir votar". Unha cantidade da que se valen para afirmar que a participación foi "relativamente baixa" polo que, coidan en El País, "foi inútil do punto de vista de medir os verdadeiros desexos dos cataláns". Así as cousas, o índice de participación situouse --segundo os dados coñecidos até o momento através da Generalitat-- pouco por baixo do número de votantes que acudiron ás urnas nas eleccións europeas (2.532.629 en maio fronte 2.236.806 en novembro). 

Sexa como for, os editoriais de El Mundo e El País chaman a Rajoy a "facer política", a "dialogar" e "negociar" con Catalunya. 

Máis duro é o discurso dunha das cabeceiras referenciais para a ultra-dereita española. Libertad Digital acusa o presidente español de ser "o principal responsábel de que as cousas chegaran até este punto bochornoso" polo que, din, "debe marchar". O diario dixital fala de "astrancada golpista", "ridículo" e "irrisorio" proceso electoral, ao tempo que coida "incualificábel" a actitude de Moncloa a quen sinala como "cooperadores necesarios deste aquelarre liberticida". 

Libertad Digital di que Rajoy "debe marchar" por ser "principal responsábel de que as cousas chegaran a este punto bochornoso"

Tamén apunta a ultra-dereita contra Artur Mas "e toda esa tropa", en relación ás forzas independentistas, e os seus "testaferros civís", acrecenta El Mundo en referencia a ANC e Ómnium. 

Con igual ton se expresa na súa columna de opinión Roberto L. Blanco Valdés. O columnista de La Voz de Galicia acusa o Govern catalán e "adlátares" de desenvolveren unha "infamia democrática" e "gran paiasada" o 9N. Blanco Valdés afía a súa pluma contra Mas e a "cleptocracia pujolista" e mesmo advirte que de optar por "facerse cómplice de ERC na súa rebelión contra o Estado, dará cos seus ósos na cadea". 

O eco internacional

Pola súa banda, a imprensa internacional recolle nas súas capas o acontecemento histórico do día 9. The Guardian e a edición escocesa de The Times levan o resultado das votacións á capa en cuxas informacións salientan a "esperanza" do pobo catalán. The New York Times mesmo afirma que os resultados se axustaron á cifra "tal como se esperaba" subliñando as diferenzas entre o proceso escocés e catalán que, coidan, "o desafío político máis importante" para Mariano Rajoy.

Máis en Mundo
Comentarios