ACORDO ENTRE ISRAEL, A ANP E HAMAS PATROCINADO POR EXIPTO

Alto ao fogo indefinido e relaxación do bloqueo sobre Gaza

Desde as 18 horas vigora o alto ao fogo indefinido após o acordo entre Israel, a Autoridade Nacional Palestina e Hamas. O pacto inclúe a relaxación do bloqueo israeliano sobre Gaza.

celebraçom gaza
photo_camera Celebración do acordo nas rúas de Gaza


50 días de agresión xenocida de Israel en Gaza poderían estar a tocar ao seu fin, após un acordo que tería sido patrocinado por Exipto.

Os termos do acordo aínda non foron feitos públicos, mais meios como The Guardian apuntan a unha certa relaxación do bloqueo sobre Gaza que se traduciría na ampliación da zona de pesca e a reapertura da fronteira con Exipto.

Non se sabe aínda se Israel permitirá o libre tránsito das e dos palestinianos entre Gaza e Cisxordania.

As conversas continuarán nos próximos días no Cairo. Os palestinianos demandan un aeroporto e un porto para Gaza, mentres que Israel quer o desarmamento das milicias de Hamas.

Ziad Nakhallah, líder da organización armada de Hamas, e membro da equipa negociadora palestiniana, declarou a The Guardian: "Conseguimos un compromiso para un alto ao fogo segundo o acordo de 2012 [anterior cesamento ao fogo selado por Israel e palestinianos], o que inclúe abrir as fronteiras e podermos traer materiais para comezar a reconstrución".

Cifras estarrecedoras

As cifras destes 50 días de ofensiva salvaxe da potencia sionista ocupante en Gaza son estarrecedoras: 2.100 palestinianos foron asasinados, entre eles 500 nenos. 11.000 persoas resultaron con feridas. 17.000 moradas foron destruídas ou seriamente danadas. Un terzo da populación de Gaza vive hoxe desprazada.

Israel, por súa parte, sofreu a morte de 64 soldados e 4 civís, un deles un neno de 4 anos. Centos de familias israelianas tiveron de abandonar as súas moradas, a consecuencia dos foguetes disparados polas milicias de Hamas.

Máis en Mundo
Comentarios