Alta participación nos referendos de autodeterminación no leste de Ucraína

As rexións de Donetsk e Lugansk deciden nas urnas no seu futuro nun referendo organizado polas forzas rebeldes, ao que non lle dá consideración legal o goberno de Kiev malia que os datos apuntan a unha participación do 80 e o 50 por cento do censo, respectivamente.

ucraina
photo_camera Unha muller de Donestk, vota.

As rexións ucraínas do leste de Donetsk e Lugansk celebran este domingo uns referendos para decidir entre a súa pertenza a Ucraína, a súa incorporación a Rusia -como xa decidiu Crimea- ou a súa independencia, nunhas consultas que foron rexeitadas pola comunidade occidental e polo goberno de Kiev, pero que foron organizadas polas forzas rebeldes, que informaron dunha alta participación, dun 80 e un 50 por cento respectivamente a primeira hora da tarde.

Os primeiros cidadáns comezaron a chegar aos centros electorais establecidos polos rebeldes atravesando as barricadas feitas con árbores caídas ou pneumáticos. "Quería vir todo o axiña que  puidese. Todos queremos vivir no noso propio país", afirmou á axencia Reuters Zhenya Denyesh, unha estudante de vinte anos que depositou o seu voto nunha facultade universitaria da cidade.

"A xente está facendo cola e as comisións electorais están traballando a plena capacidade", declarou o presidente da comisión de Donetsk, Roman Lyagin, á axencia de noticias rusa Interfax.

Polo contrario, o presidente da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), Ranko Krivokapic, instou ás autoridades rebeldes de Donetsk e Lugansk a cancelar os "absurdos" referendos, o mesmo discurso de toda a comunidade occidental vencellada á OTAN.

Donetsk reivindica cun vídeoclip a memoria antifascista

Os referendos realízanse apenas 48h despois do 69 aniversario do Día da Vitoria, que conmemora a rendición incondicional do exército nazi diante do marechal soviético Gueorgui Zhúkov, coa que se puña fin á Gran Guerra Patria. Así se coñece nos territorios da extinta Unión Soviética a Segunda Guerra Mundial.

Precisamente para conmemorar a data, e uns días antes do referendo, a República Popular de Donetsk publicaba na súa canle oficial en Youtube un vídeoclip no que reivindican a memoria antifascista en alusión ao goberno golpista de Kiev apoiado por forzas neonazis.

Máis en Mundo
Comentarios