"Quérennos asustar mais non o van conseguir"

Unha activista do 15-M foi interrogada en comisaría polos chíos da súa conta en Twitter. A policia interesouse por unhas citas do intelectual e activista italiano Antonio Gramsci.
Twitter de Almu
photo_camera Twitter de @almu_en_lucha

Escribir citas de Gramsci foi a causa de que @almu_en_lucha pasara unhas horas en comisaría acusada de chíos violentos esta segunda feira. Esta activista do 15-M de Madrid é a segunda persoa en pouco máis dun mes no Estado español que recibe a visita policial e ten que explicar o contido das súas contas persoais na rede social Twitter.

O outro caso foi o de @albacorazonegro que tivo que declarar o 19 de decembro en calidade de investigada pola fiscalía por un suposto delito de enaltecemento do terrorismo por uns chíos sobre o Grapo.

Nada máis sair de declarar @almu_en_lucha escribiu na rede social: "Acabo de salir. Me acusan de escribir tweets violentos. Ha sido tan ridículo que me han enseñado algunos ejemplos como ¡citas de Gramsci!" A nova correu por Twitter e a súa conta recibiu numerosas mostras de solidariedade. Horas despois o nome de #Gramsci foi TT nesa rede social. A activista sinalou que o seu caso "polo menos serviu para que se coñecera a obra de Gramsci".

"Quérennos asustar mais non o van conseguir". @almu_en_lucha asegura na súa conta de Twitter que seguirá coa súa loita nas redes á espera do que decida a fiscalía.

Máis en Mundo
Comentarios