A xustiza chilena condena 31 ex axentes da Policía secreta de Pinochet polo secuestro dun líder sindical en 1974

A sentenza chega en vésperas da conmemoración do 50 aniversario do Golpe de estado de Augusto Pinochet e da morte do presidente Salvador Allende

Bandeira de Chile nunha foto de arquivo. (Foto: Jon G. Fuller / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Bandeira de Chile nunha foto de arquivo. (Foto: Jon G. Fuller / Zuma Press / Contactophoto)

A xustiza para as vítimas da ditadura de Pinochet en Chile vai chegando moi paseniño. En vésperas da conmemoración do 50 aniversario do golpe militar en Chile e da morte do presidente Salvador Allende, o Tribunal Supremo de Chile condenou 31 axentes da extinta Dirección de Intelixencia Nacional (DINA), a Policía secreta da ditadura de Augusto Pinochet (1973-1990), pola súa participación no secuestro do dirixente sindical metalúrxico Pedro Enrique Poblete Córdova en 1974.

Esta sentenza chega logo de que o mesmo tribunal chileno ditara a resolución definitiva polo secuestro e homicidio do cantante e activista político Víctor Jara, que tivo lugar en setembro de 1973 durante o golpe de Estado de Pinochet, e confirmara a condena a 25 anos de cárcere contra sete ex militares.

Neste caso, a Segunda Sala do máximo tribunal de Chile condenou, cun fallo unánime, a César Manríquez Bravo, Pedro Octavio Espinoza Bravo, Miguel Krassnoff Martchenko e Raúl Eduardo Iturriaga Neumann a 10 anos de cárcere, en calidade de autores do delito e ao resto dos condenados a outros 10 anos de prisión en calidade de coautores.

Na sentenza, o Supremo estabeleceu erro de dereito na sentenza recorrida, ditada pola Corte de Apelacións de Santiago de Chile, ao absolver 25 acusados e ao considerar que a participación de Paz Bustamante e Fuentes Torres nos feitos, foi en calidade de cómplices.

Crime de lesa humanidade

Así mesmo, a sentenza contempla "que, doutra banda [...], os sentenciadores estimaron [...] que os feitos foron cometidos nun contexto de ataque sistemático ou xeneralizado en contra da poboación civil, o que determinou que os ilícitos estabelecidos foran, ademais, considerados como crimes de lesa humanidade, por atentar contra normas ius cogens do Dereito Internacional Humanitario, e polo mesmo, sometidos ao devandito estatuto xurídico internacional".

"Respecto ás características destes delitos, a doutrina sinalou que o suxeito activo comprende tanto ao funcionariado estatal (con independencia da súa xerarquía ou cargo), como aos membros dunha organización; poden cometerse en tempo de guerra ou de paz; non é necesario que exista orde expresa da autoridade política para perpetralo. O suxeito pasivo é a poboación civil, contra quen se dirixe o ataque", matiza o fallo da máxima instancia chilena.

A finais de agosto, o Tribunal Supremo de Chile condenou outros seis ex axentes da DINA e dúas ex militares polo asasinato do diplomático e militante comunista español Carmelo Soria o 14 de xullo de 1976.

Pedro Enrique Poblete Córdova foi detido o 19 de xullo de 1974 e ingresado no centro de detención clandestino de "Londres 38". Máis tarde, o nome de Poblete Córdova apareceu entre 119 vítimas da denominada Operación Colombo, levada a cabo pola represión do réxime de facto en 1974, un ano despoi do Golpe de estado do 11 de setembro de 1973.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios