Chile condena sete militares xubilados polo secuestro e asasinato de Víctor Jara

Jara foi torturado e tiroteado o 16 de setembro de 1973 durante o golpe de Estado de Pinochet contra Allende.
Víctor Jara en agosto de 1969 en Helsinki, Finlandia, nunha protesta contra a guerra do Vietnam. (Foto: Hannu Lindroos / Lehtikuva).
photo_camera Víctor Jara en agosto de 1969 en Helsinki, Finlandia, nunha protesta contra a guerra do Vietnam. (Foto: Hannu Lindroos / Lehtikuva).

O Tribunal Supremo de Chile ditou sentenza definitiva polo secuestro e homicidio do cantante e activista político Víctor Jara, que tivo lugar en setembro de 1973 durante o golpe de Estado de Augusto Pinochet, e confirmou a condena a 25 anos de cárcere contra sete ex militares.

A sala segunda do tribunal sinalou esta pasada segunda feira, nun fallo unánime, que os condenados –agora retirados– son responsábeis dos delitos de secuestro e homicidio cualificado do cantautor e do director de prisións Littré Quiroga Carvajal.

50 aniversario

A dúas semanas da conmemoración do 50 aniversario do golpe de Estado, o Supremo ratificou a sentenza recorrida da Corte de Apelacións de Santiago, descartando calquera erro na condena, segundo reza un comunicado de prensa emitido polo organismo xudicial.

Os condenados son Raúl Jofré González, Edwin Dimter Bianchi, Nelson Haase Mazzei, Ernesto Bethke Wulf, Juan Jara Quintana e Hernán Chacón Soto, que deberán cumprir 15 anos e un día de prisión en calidade de autores dos homicidios, e dez anos e un día polos secuestros.

Ademais, Rolando Melo Silva deberá cumprir cinco anos e un día por encubrir os homicidios, e tres anos e un día por ocultar os secuestros.

Por outra parte, o Tesouro Público deberá pagar a cada un dos demandantes, cónxuxe e fillos de Quiroga Carvajal 150 millóns de pesos chilenos (pouco máis de 160.000 euros), mentres que terá que indemnizar seus irmáns con 80 millóns de pesos (86.400 euros). Tamén deberá pagar 150 millóns de pesos á viúva e fillos de Jara.

Secuestro e asasinato

Durante o golpe de Estado encabezado polo xeneral Pinochet contra o presidente Salvador Alllende, o 11 de setembro, Jara foi detido xunto a outros profesores e alumnos e trasladado ao Estadio Chile –que actualmente leva o seu nome–. Alí foi torturado durante horas e finalmente foi cribado a balazos.

En 2016, un tribunal de Estados Unidos achou culpábel o ex militar chileno Pedro Barrientos de torturas e da execución extraxudicial do artista, por mor dunha demanda civil interposta pola súa familia, obrigándoo a pagar unha compensación por danos e prexuízos.

Comentarios