Ex preso político de Chile

Omar Contreras Flores: "En Chile aínda non existe unha democracia plena"

O 11 de setembro é o 50 aniversario do golpe militar en Chile e da morte do presidente Salvador Allende. Co gallo desta efeméride, Omar Contreras, ex preso político chileno na ditadura de Pinochet e exiliado en 1974, participa en actos de memoria na Galiza, mañá en Nigrán e o 11 en Oleiros. Nós Diario conversa con el.
Omar Contreras Flores (Foto: Nós Diario).
photo_camera Omar Contreras Flores. (Foto: Nós Diario)

—As súas palestras na Galiza coinciden co 50 aniversario do golpe militar en Chile e coa morte do presidente Salvador Allende. Medio século despois, considera que se fixo xustiza coas vítimas da ditadura?
Desgraciadamente, non. Hai máis de 1.600 persoas desaparecidas, en paradoiro descoñecido, e as súas familias aínda as están buscando e pedindo xustiza. Incluso hai uns días conseguiuse sentenciar os asasinos de Víctor Jara [cantautor chileno asasinado en Santiago o 16 de setembro de 1973]. A estes niveis funcionou a Xustiza chilena. 

Durante os 17 anos que durou a ditadura, a Xustiza non funcionou o máis mínimo. Non aceptaba as suplicatorias nin as denuncias para coñecer os paradoiros dos desaparecidos, non aceptaba os habeas corpus. Até que Pinochet foi detido en Londres [en 1998], non comezaron os primeiros procesos que se realizaron en Chile contra os asasinos da ditadura. 

—Vostede leva 49 anos na Galiza, após o seu exilio. Pode facer unha comparativa entre esa xustiza que non se fixo coas vítimas chilenas coa que fica pendente para as vítimas do franquismo?
Hai algunhas cousas que son distintas. En España existiu unha guerra civil; en Chile, non existiu tal guerra, senón que foi  unha represión do exército contra un pobo desarmado. Pero as Xustizas actuaron case de maneira similar, porque a Xustiza sempre está do lado do poder, do lado dos que mandan. A Xustiza sempre é conservadora e obedece os estamentos da dereita, daquela a dereita franquista e a de Pinochet. O de que todos somos iguais ante a Xustiza é unha falacia, iso non existe.  

—A constitución de Chile é herdeira de Pinochet. Após o fracaso do plebiscito constitucional de 2022, en que punto se atopa o proceso de redactar unha nova constitución chilena?
Chile sempre foi un país bastante legalista. A primeira constitución chilena fíxose en 1833, poucos anos despois da independencia. Esa constitución durou até 1925, cando se fixo a segunda constitución, que durou até o 11 de setembro de 1973. A nova constitución, a que creou Pinochet en 1980, máis que unha constitución parecía un compendio de prohibicións. A esta fixéronselle un par de modificacións durante o Goberno de Lagos e segue vixente. 

Co plebiscito constitucional do ano 2022 intentouse crear unha nova constitución, pero foi rexeitada porque a dereita trataba por todos os medios a elección desa convención constituínte. Nesta convención foi escollida maioritariamente xente de esquerdas, a dereita non chegou a conseguir un terzo dos constituíntes. Nese momento, a dereita comezou a negarse a traballar na constitución que se estaba a crear e non lle quedou outra alternativa que oporse no plebiscito para poder lograr  unha nova elección e eles poder sacar máis dun terzo e impor os principios que querían na nova constitución. 

Infelizmente, lográrono cunha campaña que cualificaría 'do terror', todo o que dicían eran mentiras, e ademais amplificadas polos medios de comunicación. E é que 95% de televisións, radios e periódicos de Chile pertencen a dous grupos xornalísticos que son de dereitas absolutamente. 

Así lograron que a xente votara en contra da constitución. A nova constituínte é maioritariamente de extrema dereita, co novo Partido Republicano, con propostas como a anulación do dereito ao aborto, a regulación do dereito á folga ou o non recoñecemento dos dereitos dos pobos aborixes. Queren facer unha constitución máis dereitista que a do propio Pinochet. 


Os retos e as limitacións do Goberno de Boric

"O presidente Gabriel Boric afronta unha situación de Goberno moi complicada", afirma en declaracións a Nós Diario o ex preso político chileno Omar Contreras. O Goberno de Boric ten, segundo Contreras, "grandes proxectos" no horizonte, como a recuperación da educación pública, hoxe en día privatizada e cos colexios "pauperizados absolutamente".

Porén, a maioría dereitista do Parlamento oponse a gran parte dos avances sociais que propón o presidente. "Por desgraza, en Chile, a democracia segue a ser tutelada polos militares. Non existe unha democracia total e absoluta, todo depende dos militares", afirma Contreras. "A dereita sabe iso e que o liberalismo económico instaurado durante a ditadura segue vixente, polo que continúan a facer negocio coa educación, coa sanidade e cos recursos naturais do país", sentencia Contreras.

Comentarios