venres 24/09/21

Erik Carlsson-Brandt: "As institucións públicas deben fomentar o coñecemento do pasado da Galiza"

O 21 de xullo o historiador Erik Carlsson-Brandt Fontán defendeu a súa tese de doutoramento. O traballo de investigación, baixo o nome ‘Arqueoloxía do Poboamento Rural na Galiza Romana: as Villae e outras formas de ocupación do espazo (s. I-V d.C)', foi dirixido polos profesores Fermín E. Pérez Losada e José Manuel Caamaño (quen non puido ver os resultados da investigación tras falecer en 2019). O traballo desenvolveuse no eido da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS).
Erik Carlsson-Brandt Fontán defendeu a súa tese sobre o poboamento rural na Galiza romana. (Foto: Xosé Barros Blanco)
Erik Carlsson-Brandt Fontán defendeu a súa tese sobre o poboamento rural na Galiza romana. (Foto: Xosé Barros Blanco)

-Podería explicar en que consistiu o seu estudo?

O meu traballo de investigación para a obtención da tese doutoral tratou sobre o poboamento rural romano na Galiza. Basicamente, o traballo consistiu nunha recompilación masiva de todas as evidencias arqueolóxicas romanas no país. A partir desa recompilación collín todas as evidencias de poboamento disperso do mundo romano, que até o momento era un dos temas que menos estudado estaba. Normalmente a investigación céntarse no mundo castrexo e nas vilas romanas. A partir dese estudo das vilas analicei unha serie de elementos de menor entidade que aparecían ao longo do territorio.

-Por que decidiu desenvolvelo sobre este tema?

Nun principio eu orientara a miña tese nas vilas romanas, que é un tema moi clásico nas investigacións arqueolóxicas romanas. Esas vilas son, se fixésemos un paralelismo anacrónico, como os pazos señoriais. Contan cun nivel arquitectónico moi alto. Pódense diferenciar os espazos residenciais dos espazos económicos. O único que se facía antes era elaborar estudos tipolóxicos, comparación de planos... Cando comecei coa investigación das vilas romanas galegas, decateime que había outro tipo de asentamentos que non correspondían coa definición clásica de vila. Hai que entender  que cando se atopa unha evidencia arqueolóxica romana catalógase automaticamente como unha vila. Decidín intentar ordenar e organizar toda a investigación feita até hoxe.

-Como foi o proceso de traballo?

O primeiro foi facer unha investigación bibliográfica sobre todos os traballos que se fixeran. A partir de aí, acudín ao inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta. Analicei ficha por ficha cada posíbel evidencia de asentamento romano. Pouco a pouco, recompilei máis de 2.000 entidades, que se reduciron tras facer varios peneirados até as 600 evidencias romanas que entraban dentro dos límites da miña investigación.

-Que conclusións obtivo?

Unha das conclusións que obtiven coa investigación é que, efectivamente, existen unha serie de xacementos que non se poden identificar como vilas romanas, así que os clasifiquei entre asentamentos primarios, secundarios e terciarios baixo unha serie de criterios arquitectónicos e de superficie.

Normalmente existen paralelismos con xacementos que xurdiran noutras zonas como Portugal, Francia ou Inglaterra. Nestes lugares, esas construcións reciben diferentes nomes. Aquí na Galiza hai constancia deses asentamentos, mais a investigación arqueolóxica ten un límite, xa que non se desenvolven escavacións de área, senón que unicamente se escava no centro dos xacementos. Iso fai que non contemos cunha imaxe global deles. Intentei ser bastante cauto para non crear novas identificacións. Quixen marcar unha base para comezar a construír de modo organizado unha investigación sobre eses xacementos. O tecido rural romano é máis complexo do que críamos até o de agora. Co meu estudo puiden achegarme un pouco máis a esas formas que aínda están por investigar e coñecer.

-Que importancia ten que dende as institución pública se fomenten estes estudos?  

Todos os estamentos somos partes dun mesmo xogo. A Xunta é a encargada da xestión e da protección de todos eses vestixios. As universidades e os centros de investigación deben encargarse de procesar toda a información obtida dos xacementos arqueolóxicos e plasmar esas conclusións en artigos.

Toda ese traballo é fundamental para coñecer o pasado da Galiza.

comentarios