Descobren que Lomba da Moura é o campamento romano máis grande e antigo da Galiza e Portugal

Novas datacións arqueolóxicas sitúan a fundación no século II a. C. 
Imaxe de detalle da sondaxe realizada. (Foto: Era-Arqueoloxía) #lombadamoura #romanos #campamento #campamentomilitar #arqueoloxía #galiza #portugal #soldados #milicias #historia #investigación #romanarmy
photo_camera Imaxe de detalle da sondaxe realizada. (Foto: Era-Arqueoloxía)

O colectivo de investigación arqueolóxica Romanarmy.eu fixo unha descuberta que cambia a visión histórica do paso dos romanos pola Galiza até situala cen anos antes do que se pensaba. Esta plataforma, formada por persoal investigador de distintas universidades e centros europeos, fixo novas datacións na muralla do recinto de Lomba da Moura, entre Verea e Melgaço, detectando que este destacamento militar é máis antigo que o de Penedo dos Lobos, en Manzaneda. En concreto, trátase do asentamento máis grande e antigo tanto do país como de Portugal. 

Segundo as persoas expertas, os traballos de investigación por OSL estabelecen a fundación do espazo no século II antes de Cristo. Esta teoría, que deixa o patrimonio histórico de Manzaneda atopado polas mesmas estudosas nun segundo lugar, estaría reforzada “coas primeiras incursións do exército romano no territorio atendendo ás fontes clásicas”. A equipa fala concretamente da campaña de Décimo Xuño Bruto, alcumado O Galaico, no ano 137 a.C. 

Xa se sabía que o recinto fortificado era o máis grande que as milicias romanas deixaran na Galiza e Portugal, pero non o máis antigo como se afirma agora. As novas investigacións indican que o lugar se levantou para uns 10.000 soldados e que a idea era que tivese unha duración temporal. 

“Así o sinalan as datacións absolutas do momento fundacional das murallas do recinto, obtidas coa técnica da datación por luminiscencia opticamente estimulada (OSL)”, indican fontes do grupo responsábel deste avance arqueolóxico. Esas tarefas foron encargadas ao Instituto Superior Técnico da Universidade de Lisboa despois de que a romanarmy.eu chegara ao lugar en setembro do ano pasado.

Sobre as murallas estudadas (só na parte lusa), engade que tiñan elementos defensivos como “as pedras fincadas e os cabalos de frisia”, que funcionaban contra os inimigos. 

Contexto histórico

O contexto histórico deste xacemento sería o da crecente presión de Roma sobre o noroeste da Península Ibérica. O avance máis coñecido foi o protagonizado polo Galaico, que cruzou os ríos Douro e Limia até chegar ao Miño. Porén, foi no Limia “onde as fontes clásicas narran o lendario episodio do Río do Esquecemento”.

Destacan que Lomba de Moura podería estar vinculado ao propio Décimo Xuño Bruto, aínda que resulta incerto facer esa ligazón de forma oficial. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios