domingo 12.07.2020

Catro asociacións denuncian o abandono do hipocausto romano de Burela

Catro asociacións piden que se protexa o hipocausto romano de Burela, en alarmante estado de abandono. Denuncian que o que definen  como “xoia da arqueoloxía” está en risco de desaparecer. 

O Colectivo Cultural Buril, a asociación Cultura do País, Adega e Mariñapatrimonio denuncian diante do Servizo de Patrimonio da Xunta o estado de abandono no que se atopa o xacemento arqueolóxico de Castrelo, no concello de Burela. 

Nove anos despois de seren atopados os restos arqueolóxicos, os achados están en grave estado de degradación sen ningún tipo de protección, segundo denuncian as catro asociacións. Atopado no ano 2004, o hipocausto romano -sistema de calefacción para balnearios e mansións- saíu á luz cando se desenvolveu a escavación arquelóxica nas proximidades do que ía ser a nova estrada de acceso ao porto. 

“O sitio arqueolóxico está a sufrir o desgaste propio das inclemencias meteorolóxicas, a vexetación apropiouse do xacemento, os tixolos das columnas do hipocausto e outros materiais arqueolóxicos están a ser espoliados e mesmo se está a utilizar este ben patrimonial como entulleira para o lixo”, sinalan, polo que esixen á Xunta que atenda a Lei de Patrimonio co fin de protexer “esta xoia da arqueoloxía”. Lembran que a ourivería prerromana da colección Álvaro Gil, na que se atopa o torques de Burela vén de ser retirada do Museo de Lugo e reclaman que outro tesouro de Burela non “desapareza para sempre por mor da desidia dos que teñen a obriga de protexela”. 

comentarios