'As guerrillas galegas ao descuberto'

Xosé Álvarez: "O peso da loita contra a guerrilla levouno a Garda Civil”

Xosé Álvarez Castro (Pontevedra,1953) leva moitos anos investigando a represión franquista nas comarcas de Pontevedra, recollendo algúns deses traballos en diversas publicacións ou no blog de referencia “anos do medo”. A terceira feira, escribe en Nós Diario sobre a guerrilla na área pontevedresa.
photo_camera Xosé Álvarez Castro Foto: Nós Diario

Significa na súa investigación a resistencia armada na comarca do Salnés nos meses posteriores ao golpe do Estado, que destacaría da mesma?

Destacaría o grao de organización acadado nos primeiros momentos baixo a dirección do chamado Comité. Os sindicatos tomaron o control na zona organizando grupos de obreiros armados que efectúan requisas de armas e víveres (que reparten á poboación máis desfavorecida) e realizan sabotaxes e enfrontamentos cos efectivos enviados a controlar a zona. Contaban cunha rede de apoios e enlaces que lles proporcionaban información aos refuxios no monte. Os sublevados non dominarán totalmente o territorio até primeiros de agosto co apoio dos hidroavións de Marín, que bombardearon os montes de Xiabre e Lobeira, onde tiña os seus refuxios  a resistencia armada. Outro punto a destacar sería a personalidade do dirixente cenetista  Rodrigo Berruete “O Xitano”, a figura máis destacada destes grupos e que contaba con formación militar. A súa eliminación a principios do 37 significou a desaparición do grupo máis estruturado e activo na comarca, aínda que subsisten grupos illados ata 1939.

A actividade guerrilleira na comarca de Pontevedra segue a ser  unha cuestión moi descoñecido, que aspectos salientaría sobre este tema?

Non foi unha zona tan activa como O Salnés nos primeiros meses ou a comarca de Vigo e zona norte da provincia. Aínda así houbo varias accións da guerrilla como sabotaxes a transformadores e liñas de condución eléctrica, varios atracos e accións de propaganda. Unha dificultade engadida é a existencia dalgún grupo difícil de encadrar, pois presenta características da delincuencia común mesturadas con reivindicacións de tipo político.

O axustizamento de represores fixo parte do repertorio das accións desenvolvidas pola guerrilla no conxunto da Galiza, isto tamén aconteceu en Pontevedra?

 O caso máis coñecido foi o do mestre Couceiro en Soutelo de Montes, acción na que figuraban tamén como obxectivo outras persoas da zona sinaladas como partícipes na represión. Noutras co marcas pontevedresas, sinaladamente na de Vigo, houbo varios casos de axustizamentos de falanxistas e colaboradores das forzas represoras. Nunha escala menor, temos constancia da existencia de sancións económicas impostas a varias persoas e ameazas a cargos públicos cominándoos a renunciar ao posto.

"Na loita contra a guerrilla empregáronse todo tipo de tácticas, como a aplicación indiscriminada da chamada lei de fugas"

O operativo represivo contra as guerrillas é un tema moi pouco estudado e do que a penas contamos con dados, como foi a persecución da resistencia armada nas terras pontevedresas?

Na loita contra a guerrilla empregáronse todo tipo de tácticas, como a aplicación indiscriminada da chamada lei de fugas, as infiltracións nos grupos, como foi o caso de Mora e outros como malleiras e torturas, ofrecemento de diñeiro ou diminución de penas para conseguir confidentes, presións a familiares e até bandos ofrecendo o perdón a quen “non tivera as mans manchadas de sangue”.  O peso principal da loita contra a guerrilla levouno a Garda Civil. Na etapa dos fuxidos estiveron ao mando oficiais forxados na guerra de África e con experiencia na represión en Asturias no 1934 e, posteriormente, o sector interprovincial de persecución e represión de “bandoleros”, con sede en Lalín, que contaba con verdadeiros especialistas neste tipo de tarefas como os membros da chamada “brigadilla”, que eran axentes ligados ao servizo de información e que actuaban de paisano. Tamén interveu a Brigada Político social, principalmente contra as organizacións políticas clandestinas que lle daban soporte nas cidades, así como falanxistas, somaténs, Garda de Franco e outros.

As “contrapartidas” foron unha peza chave neste operativo do terror, pero realmente que eran eses grupos, como actuaban e por quen estaban formadas?

Na comarca pontevedresa non temos constancia de actuacións destas forzas pero si noutras zonas de Galiza.

As contrapartidas, tiñan como denominación oficial a de “Grupo de Fuerzas del Servicio Especial de la Guardia Civil”, actuaban ás ordes directas do xefe da Comandancia sen estar subordinadas aos mandos da zona. Tiñan liberdade de actuación en canto a métodos a empregar e determinación de zona de actuación. Unha contrapartida estaba integrada por un grupo de entre seis e oito membros de procedencia variábel: Había gardas civís, policías, falanxistas, somaténs e “prácticos”; estes últimos eran veciños afíns ao réxime ou antigos guerrilleiros que colaboraban coa Garda Civil, eran de moita utilidade polo coñecemento que tiñan do terreo e dos costumes da guerrilla. Ao mando estaba un oficial, suboficial ou inspector de policía. Tanto a vestimenta como o armamento eran o máis parecidos posíbel ao dos guerrilleiros, pois a súa táctica era tratar de confundirse con eles e reproducir os seus modos de vida.

A súa práctica podemos resumila en tres modalidades. A actuación directa contra o grupo guerrilleiro mediante a localización de refuxios, estabelecemento de apostadeiros en lugares de paso ou enfrontamento armado. O descubrimento e desarticulación das redes de apoio e enlaces, casas refuxio ou lugares de aprovisionamento (a chamada “guerrilla da chaira”), presentándose como membros doutras partidas ou enlaces que necesitaban contactar coa guerrilla da zona, esta táctica era pouco efectiva nas zonas nas que a guerrilla tiña permanencia estábel e estaba moi relacionada cos habitantes. As actuacións sobre a poboación facéndose pasar por guerrilleiros efectuando roubos, atracos, malleiras e actos de violencia, que buscaban poñer a veciñanza en contra da guerrilla, diminuír a base de apoio e conseguir que considerasen a guerrilla como xeradora de problemas. Posibelmente fora a táctica que máis réditos proporcionou xa que, sen a colaboración da poboación, a loita guerrilleira non tiña posibilidades de supervivencia.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios