‘Nos Diario’ publicará nos meses de novembro e decembro un coleccionábel sobre a guerrilla

A loita da guerrilla galega ao descuberto

O vindeiro dous de novembro sae á rúa un novo coleccionábel en Nós Diario. Trátase dunha achega á guerrilla galega e á súa loita contra o franquismo durante preto de dúas décadas. Os traballos son da autoría de 30 investigadores e o primeiro número está asinado por Francisco Martínez “Quico”, o único militante vivo das guerrillas galegas.

1
photo_camera Os guerrilleiros, Arcadio Ríos, Cesar Ríos, Victorino Nieto e Silverio Yebra en 1944 ás beiras do río Sil. Foto:Nós Diario

O vindeiro dous de novembro sae a rúa unha nova achega de Nós Diario sobre a memoria democrática galega. A publicación, que se vai distribuír co xornal da segunda a quinta feira ao longo dos meses de novembro e decembro, recolle 36 traballos sobre a loita guerrilleira na Galiza durante os anos do primeiro franquismo. O seu obxectivo é botar luz respecto dun período da historia do país sempre incómodo ao poder e favorecer un debate público sobre unha materia que a oficialidade continúa mantendo nas marxes

A nova entrega conta coa participación de arredor de 30 investigadores de diversas xeracións e procedencias. Algúns deles fan parte das primeiras fornadas que comezan a estudar a  guerrilla nas diversas comarcas da Galiza a comezos dos anos 80, outros destacan pola súa mocidade, uns proceden do ámbito académico e outros do ámbito social. A publicación está coordinada por Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Xosé Ramón Ermida e Xoán Carlos Garrido.

Os autores

Os traballos deste caderno son da autoría de Francisco Martínez, de Bernardo Maiz, de Xoán Carlos Abad Gallego, de Paula Godinho, de Carlos Nuevo, de Lupe Martínez, Xosé Álvarez, de Odette Martínez-Maler, de Afonso Eiré, de Alejandro Rodríguez, de Adrián Marzoa, de Manuel Pazos, de Blanca e Julián Campos, de Félix García Yáñez, de Fernando Vidal, de Ramón García Piñeiro, de Manuel Igrexas, de Xabier Moure, de Carlos Parrado, de Francisco Macías, de Victor García, de Manuel Conde, de Ana Cabana, de David Simón, de Javier Quintas, de Carlos Tejeriza, de Xoán Carlos Garrido, de Xosé Ramón Ermida, de Eliseo Fernández e de Dionisio Pereira.

A publicación achega información sobre actividade guerrilleira en 13 comarcas e localidades galegas. A Raia Seca, A Mariña, Ordes, Costa da Morte, O Deza, Vigo, Pontevedra, A Ulloa, Os Ancares, Valdeorras ou Ribeira Sacra son algunhas das zonas obxecto de estudo. Ao tempo, repárase na traxectoria dalgúns dos protagonistas máis significados da resistencia armada como Luis Trigo “O Gardarríos”, José Castro Veiga “O Piloto”, Abelardo Macías “O Lebre”, Victor García “O Brasileiro”, Juan Sorga, José Gómez Gayoso ou Antonio Seoane.

O coleccionábel conten todo un bloque de investigacións de carácter máis transversal. Así, Odette Martínez-Maler achégase á participación da muller na resistencia armada á ditadura, Ana Cabana estuda toda a estrutura de enlaces e o seu papel decisivo na conformación do aparato clandestina, David Simón debuxa o papel dos sanitarios nas redes de apoio e Carlos Tejeriza analiza as novas experiencias de arqueoloxía e guerrilla. Asemade, a publicación repara nas ideoloxías presentes entre a militancia da guerrilla, analizando Bernardo Maiz a contribución dos comunistas, Eliseo Fernández a dos libertarios, Javier Quintas a dos socialistas e Xosé Ramón Ermida a dos nacionalistas.

A opinión de ‘Quico’

A primeira entrega da publicación é da autoría de Francisco Martínez “Quico”. “Quico”, único militante vivo da Federación de Guerrillas de Galiza e León e do Exército Guerrilleiro da Galiza, destaca o “carácter plural da guerrilla galega”. Neste sentido, en 2016 ten sinalado nunha entrevista a Sermos Galiza que “a diferenza doutros lugares do Estado aquí houbo unha dinámica anti-franquista que non estaba sometida a consignas de ningún partido. Aquí, xa na orixe da guerrilla, esta era plural, había xente de moi diferentes partidos. E esa cultura foi a que predominou polo menos nunha parte do que despois foi o Exército Guerrilleiro de Galiza. E esa cultura non estaba noutras partes”.

Un dos coordinadores da publicación, o historiador Dionisio Pereira afirma a Nós Diario que “móvenos un impulso xusticeiro, co que tentamos solucionar o problema que se xera coa guerrilla, actualmente esquecida non só nos círculos académicos senón tamén polo movemento da memoria”. Segundo Pereira, “unha mostra deste esquecemento atopámolo na Lei da memoria de 2007 e no proxecto de lei actualmente en tramitación, onde a guerrilla practicamente non existe”. Na mesma liña, defende “situar na súa xusta importancia a resistencia armada ao franquismo”.

“O que nos interesa é dar unha visión poliédrica da guerrilla e non a dun mero grupo militar dirixido por un partido, neste caso o Partido Comunista”, mantén Pereira, quen considera que “esa diversidade comeza a estar explicitada nesta publicación, unha liña que entendo débese seguir explorando en traballos futuros”. Pereira, recoñecido historiador no ámbito da memoria democrática galega achega a este coleccionábel unha entrega sobre a guerrilla da Raia Seca e un artigo, en parcería con Eliseo Fernández, sobre a guerrilla primitiva.

“A Galiza combatente”

A actividade guerrilleira contra o franquismo durante anos amosa a existencia dunha Galiza combatente cuxa memoria debemos recuperar”, afirma Dionisio Pereira, quen pon en valor o patrimonio político das diversas formas de oposición á ditadura, nomeadamente a guerrilla. Precisamente, o silencio arredor desta é un síntoma sobre o seu carácter molesto para a oficialidade  

Comentarios