'As guerrillas galegas ao descuberto'

Xoán Carlos Abad: "Introducir infiltrados nas guerrillas foi bastante empregado polas autoridades"

Xoán Carlos Abad Gallego (Vigo,1960). Licenciado en Xeografía e Historia e impulsor do Instituto de Estudos Vigueses, atesoura unha ampla obra arredor a represión franquista e a resistencia en Vigo. O 4 e 5 novembro escribe en Nós Diario sobre a guerrilla antifranquista nesa comarca.
xoan carlos abad
photo_camera Xoán Carlos Abad Gallego (Foto: Nós Diario)

Como e cando se articulan os primeiros grupos de resistencia armada á ditadura na comarca de Vigo?

A retirada aos montes inmediatos de Cabral, Candeán ou Bembrive, tras a caída das barricadas de Lavadores, supuxo, inicialmente, o estabelecemento dunha nova liña de defensa contra os militares alzados en armas. Nas semanas e meses inmediatos ao golpe, e coa convicción de que aínda era posíbel a vitoria do Goberno republicano e a volta á situación política previa, algúns dos que se botaron ao monte comezan a organizarse en pequenos grupos e a levar a cabo pequenas operacións armadas, dirixidas principalmente contra algunhas patrullas de militares rebeldes e contra algúns veciños aos que se consideraban delatores. A partir do ano 1937, e tras diversas operacións militares de envergadura levadas pola contorna, son xa poucos os que confían en que a situación poda  reconducirse a prol da legalidade e comezará neles a loita pola simple supervivencia.

En que se concretou a actuación destes primeiros núcleos resistentes  e que significaría dos seus dirixentes?

É en torno a algúns líderes obreiros como comezan a articularse estes grupúsculos armados con líderes procedentes ideoloxicamente do mundo sindical libertario ou próximos ao Partido Comunista, e profesionalmente do mundo fabril -metalúrxicos non poucos deles- e xornaleiros. As primeiras actuacións das que temos constancia falan de enfrontamentos con pequenas  partidas militares que batían a bisbarra, algún acto de sabotaxe de infraestruturas, asaltos a residencias veciños de sinalada ideoloxía conservadora, algún atentado persoal contra presuntos delatores e asaltos a tendas e tabernas.

Sinala no seu traballo, que a resistencia armada entra nunha nova fase en Vigo após 1939, que nos pode dicir da loita guerrilleira nese período previo a constitución da V Agrupación?   

Á intensa actuación policial, coa eliminación física dun número elevado de “fuxidos” e “agochados”, á evasión, non sempre con éxito, dalgúns destes e á confirmación da derrota en abril do 39 hai que sumarlle o raio de esperanza que produciu o chamado “bando do perdón” do gobernador Gómez Cantos que acabaron, aparentemente, cos grupos armados na nosa contorna. Moi poucos foron os que non se fiaron da palabra deste garda civil e continuaron agochados, co que salvaron, momentaneamente, a vida e a liberdade. Serán as detencións, os xuízos e as execucións derivadas da derrogación deste bando, os que relanzarán a guerrilla na bisbarra, que vai ter que adaptarse á nova situación, sendo en torno  a algúns dos superviventes da resistencia dos primeiros momentos nos que se organizará esta nova guerrilla que se verá incrementada con algúns dos que comezaban a saír do cárcere ou regresaban da guerra.

A última da etapa da guerrilla en Vigo está ligada ao destacamento Paco Barreiro, que nos pode dicir do mesmo?

Malia que cunha vida moi curta, apenas de ano e pico de duración, foi este período o máis organizado e mellor a nivel operativo que viviu o movemento guerrilleiro no sur da provincia de Pontevedra. Tanto na súa actividade, como na mellor selección dos obxectivos na procura de acadar unha maior transcendencia social que os afastase da etiqueta de simples delincuentes que tentaban outorgarlle as autoridades franquistas e, sobre todo, no importante apoio das bases a súa causa.

Comenta no seu traballo, que o labor dun infiltrado é chave na caída do destacamento Paco Barreiro, neste sentido como foi a resposta das forzas da orde a acción guerrilleira?

Os indicios apuntan a que houbo un infiltrado policial dentro deste grupo guerrilleiro, quen, que para facer máis verosímil o seu “compromiso” cos guerrilleiros, chegaría a tomar parte na execución do coñecido falanxista de Cabral ,Eusebio Lago Campos -a última gran operación deste destacamento guerrilleiro-, e que sería grazas aos datos por el achegados como caeu, poucos meses despois, o núcleo deste destacamento guerrilleiro. Algúns mesmo póñenlle nome a este infiltrado, Alejo Pablo Mora, quen sería un home con ampla experiencia neste tipo de operativos pero que foi logo descuberto cando estaba xa infiltrado noutro grupo guerrilleiro que operaba nas terras do Eume e, polo tanto, executado.

Esta metodoloxía policial de introducir infiltrados dentro dos grupos guerrilleiros foi bastante empregada polas autoridades policiais ao longo de todo o Estado como o medio más fiábel para acabar, desde dentro, con estes activos grupos. O medo aos posibles infiltrados policiais, aos delatores e mesmo aos díscolos coa ortodoxia do partido, son os que están detrás das diversas purgas que por eses anos son levadas a cabo dentro dalgúns destes grupos guerrilleiros.

Comentarios