Os nomes do terror

Xosé Álvarez Castro: “A represión na Illa de Arousa non se esgota coa Garda Cívica"

Xosé Álvarez Castro (Pontevedra, 1953) é un dos historiadores de referencia  para o estudo da II República e da represión franquista en Pontevedra. Autor de volumes como Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), achégase no coleccionábel Os nomes do terror aos vitimarios na Illa de Arousa. 

photo_camera Xosé Álvarez.

A Garda Cívica da Illa de Arousa centra o seu traballo no coleccionábel de Nós Diario, Os nomes do terror, como xorde, a que lóxica responde e cal foi o seu ámbito de actuación?

A formación de Gardas Cívicas por parte das autoridades militares e, máis en concreto, pola Garda Civil, foi xeneralizada tras o golpe militar. No caso da Illa de Arousa, ao igual que noutras pequenas localidades, o seu funcionamento presenta peculiaridades que a diferencian das formadas en localidades máis grandes: o seu xefe non é un militar e actúa cun maior grao de autonomía respecto á Garda Civil pois, debido a que a presenza deste corpo na Illa por aquelas datas non era continua, nas actuacións non participaba a parella de gardas que as acompañaba e dirixía noutras zonas. Precisamente esta autonomía facilita que se utilizase en moitas ocasións para saldar vellas contas e agravios contra adversarios políticos ou inimizades persoais. A formación tivo lugar nos primeiros días de agosto por orde do comandante militar de Vilagarcía, coronel retirado Salvador Múgica, pero existe contradicións na documentación relativa ao nomeamento dos seus xefes. O seu ámbito de actuación foi a Illa pero tamén levan a cabo algunha acción, relatada no artigo, fóra da localidade. En canto á procedencia política dos seus membros, destaca a antiga militancia no Partido Radical e tamén, facía anos, no socialista, como fora o caso do xefe “cívico” Benito Figueiras.

Algúns dos casos máis terríbeis da represión franquista na Illa de Arousa, como os asasinatos de Esteban Picón “O Chosco” e  Santiago Otero “Pajares” están asociados aos cívicos, máis cal foi o alcance da represión nesta localidade?

Certamente estes asasinatos cometéronse cun grao de violencia suma, as malleiras, torturas, unha macabra procesión pola localidade ou o afondamento cumpren a función de sementar o terror entre a poboación que, maioritariamente, militaba ou simpatizaba coa esquerda obreira, singularmente con organizacións de sino socialista. Nos dous casos tampouco estaba ausente o feito de cobrarse vellos agravios: contra Picón o xefe “cívico” non esquecen as coplas de carnaval que inxuriaban ao xefe da milicia e no de “Pajares” rolda un vello preito con armadores. Aparte repetidas malleiras, que nalgún caso rematan en morte, rapados de cabelo a mulleres, incautacións ou sancións económicas, a represión contra habitantes da Illa non se esgota na actuación da Garda Cívica. Causas militares como a 836/36, que podemos considerar unha sorte de causa xeral contra militantes políticos e sindicais da Illa, acaban con penas de prisión ou de morte, como é o caso de José Besada ou Narciso Suárez, executados en Pontevedra. Outros nativos da Illa presos no cárcere pontevedrés acaban sendo asasinados tras “sacas” que rematan coa aplicación da chamada “lei de fugas”, así sucedeu con Luís Castro, Francisco Vázquez, Juan Sanes ou José Búa, entre outros.

A formación de Gardas Cívicas por parte das autoridades militares e, máis en concreto, pola Garda Civil, foi xeneralizada tras o golpe militar

Os máximos responsábeis da Garda Cívica remataron encausados pola suposta implicación nestas mortes e noutros actos represivos, porén os cargos foron retirados e causa sobresaída, na súa opinión que se agocha detrás deste proceso?

A absolución nas causas instruídas por este tipo de abusos e outros semellantes, cando os acusados son afectos ao réxime, foi o habitual. Sempre había lugar para comprender actuacións desmedidas xustificándoas pola situación dos primeiros momentos e os afáns patrióticos dos milicianos. Neste caso, as probas dos asasinatos cometidos e das outras actuacións irregulares, as propias confesións dos autores, non deixan lugar a dúbidas da súa execución e así o manifestan o instrutor e o fiscal. Porén a sentencia é tan delirante que non entra a considerar os feitos cometidos (así o manifesta expresamente) dando lugar a que o xulgado encargado de rexistrar a morte de Santiago Otero exprese nun escrito a súa incapacidade para facelo, pois o falecemento constaba como probado e non probado ao mesmo tempo. Parece razoábel considerar que, de non ser pola denuncia dos “fabricantes” contra Figueiras e da intervención do consulado arxentino debida á nacionalidade de “Pajares”, nin sequera se abriría causa contra os “cívicos”. Estes contan co apoio da Garda Civil como se aprecia nas dilixencias instruídas tras a denuncia do asasinato de Santiago Otero .

Aínda que o foco da súa investigación está posto na Garda Cívica, cal foi a implicación doutros sectores como pode por exemplo a patronal conserveira no conglomerado represivo?

A patronal conserveira que, na maioría dos casos, tamén eran armadores, non temos constancia documentada de que participe directamente na represión; partidarios incondicionais das autoridades golpistas, limítanse a mover os fíos a través doutras instancias represoras para eliminar o sindicalismo mariñeiro que tantos pesadelos lles causara. Até poden permitirse testemuñar de xeito máis ben favorable aos acusados nos procesos e armadores tan importantes como Goday ou Guillán así o fan destacando a ausencia de violencia nas requisa de armas que sufriran. Pero, como dixemos, algúns aproveitan para saldar contas como foi na morte de Santiago Otero. No caso estudado, todo indica que estamos nun conflito entre a patronal e sectores da dereita tradicional con ela relacionados, como os concelleiros Emiliano Porto e Wenceslao Oubiña, contra os mandos da Garda Cívica. Este enfrontamento aparece cando Nieto ou Figueiras van máis alá do seu papel represor e pretenden intervir en cuestións laborais como o traballo en domingos e festivos, as xornadas de máis de oito horas, a suba de soldos ou condicións das fábricas.En suma, cando as actuacións dos subordinados desafían o poder tradicional e afectan os intereses económicos dos grandes propietarios deixan de tolerarse os seus excesos.

Semella existir un consenso amplo sobre o papel reitor que xogaron os militares no proceso represivo, mais cal foi a relación entre as autoridades militares e o conglomerado do terror na Illa? 

O control exercido polas autoridades militares a través da comandancia militar de Vilagarcía e a Delegación de Orde Pública foi determinante, como no resto das localidades. Neste caso, como apuntamos anteriormente, dada a condición de relativo illamento con que contaba, ese control non era tan directo pero as liñas xerais das actuacións contaban sempre co visto bo desas autoridades. Na maioría das clausuras de establecementos participan mandos de carabineiros ou Garda Civil e a entrega de Esteban Picón efectúase por autoridades militares coruñesas. Actúan máis directamente, xa no continente, nas “sacas” coa conseguinte aplicación da “lei de fugas”, pois tanto a decisión dos presos a eliminar como a propia execución, estaba nas mans desas autoridades.

Comentarios