Manuel Igrexas, investigador

"A guerrilla dezá non se pode explicar sen as minas de Fontao"

Manuel Igrexas (Lalín, 1961) é profesor e investigador sobre a memoria histórica. Membro da Comisión pola Memoria Histórica Siñor Afranio, autor de publicacións sobre a república e a represión no Deza, esta terza feira achégase en Nós Diario a historia da guerrilla nesa comarca.
Manuel Igrexas. Foto: Nós Diario
photo_camera Manuel Igrexas. Foto: Nós Diario

Como e cando xorden os primeiros núcleos de resistencia armada no Deza?

Aos poucos de producirse do golpe de Estado, cando comezan as detencións, os paseos e os consellos de guerra, para aqueles que tiveron algún compromiso coa República faise claro que ou foxen e se agochan ou van ser detidos e probabelmente paseados ou fusilados. Para os que que non poden facelo só lles queda a saída do monte. A estes primeiros fuxidos únenselles os que non queren ir á fronte, que non foron poucos a pesares do que a propaganda franquista contaba sobre o “entusiasmo” dos galegos por enrolarse no “exército salvador”, os desertores, que tamén foron numerosos, e algúns dos que lograron escapar das prisións. Este grupo heteroxéneo e sen estruturación, por puras razóns de supervivencia, comezou a organizarse e así aparecen as primeiras partidas, entre as que destaca o grupo do “Largo” na serra do Faro, que realizaron algunhas accións de propaganda antifranquista.

“En Fontao creouse o primeiro comité rexional do PC despois da guerra, organizado por Víctor García “Brasileiro”

Significa no seu artigo que a reorganización da CNT e do PC na Galiza xorde das minas de Fontao, que destacaría deste proceso?

No destacamento penal das minas de Fontao, en Vila de Cruces, redimiron penas moitos mineiros procedentes de Asturias e doutras zonas do Estado, entre eles algúns que foran cadros políticos na república ou durante a guerra. Foi a reunión destes presos políticos, que gozaban dun réxime de relativa mobilidade, o que permitiu que alí se creara o primeiro comité rexional do PC despois da guerra, organizado por Víctor García “Brasileiro”, que logo se estendeu por toda a comarca e despois polo país. A guerrilla dezá dos anos corenta non se pode explicar sen a referencia de Fontao. De xeito similar aconteceu coa colonia penal das Minas de Casaio, sendo ese é un proceso moito máis estudado. O caso de Fontao precisa dunha investigación máis polo miúdo.

Un dos grupos de guerrilleiros máis lembrados na comarca é dos “Corcheiros”, que significaría dos mesmos?

Foi Alberte Maceira quen puxo luz sobre os dous principais integrantes do grupo, Miguel Nicolás “Corcheiro”, que lle dou nome, e o seu cuñado, o asturiano Eugenio Rueda, antigo preso de Fontao. Grazas ás súas investigacións sabemos que foron eles os que construíron o núcleo da guerrilla na comarca, os que fixeron posibles as accións do destacamento volante da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro no Deza, e os guías e coordinadores da V Agrupación comandada por Foucellas.

Cando se pode falar do cese da resistencia armada no Deza e a que factores esta ligada?

A finais de 1948 pode considerarse que tanto a guerrilla como os seus enlaces e apoios foron practicamente desmantelados. Foi labor do Sector Interprovincial da Garda Civil que se instalou en Lalín a principios de 1947 que grazas ás contrapartidas, infiltracións nos grupos guerrilleiros, detencións masivas de posibles enlaces e tortura sistemática de calquera sospeitoso de colaborar, logrou afogar calquera asomo de resistencia. Iso non significa que algún dos fuxidos dos primeiros momentos, aínda que sen participación na resistencia armada, non seguiran no monte, como Marcelino García Villar, que non se entregou ate 1965.

"Parte da historia política posterior do Deza  non se entende sen a sombra Manuel Montero Galvache"

Repasa no seu traballo o labor da brigadilla e o operativo represivo posto en marcha pola Garda Civil para rematar coa guerrilla, que papel xoga neste contexto a figura do tristemente celebre comandante Montero?

Entre 1947 e 1952 a comarca de Deza e todo o norte de Pontevedra viviu, dentro da ditadura, nun dobre estado de excepción. O comandante da Garda Civil Manuel Montero Galvache, experto na loita antiguerrilleira, foi nomeado xefe do Sector Interprovincial e actuaba como un auténtico vicerrei. Era a suprema autoridade e todos estaban sometidos ás súas decisións. Tivo unha actuación política más alá do ámbito do combate contra a guerrilla. Del recórdase a súa rudeza, crueldade e a súa beatería. Marcou a lume ese período, e parte da historia política posterior desta comarca non se entende sen a súa sombra.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios