Víctor García “O Brasileiro”, 70 anos do asasinato dun comunista

De acordo con distintas liñas de investigación histórica, foi executado por orde da dirección do PCE en Francia, encabezada por Santiago Carrillo e Dolores Ibárruri. A súa familia tenta en van desde hai anos a restitución da súa memoria por parte dos actuais dirixentes do partido.

ruinas presídio
photo_camera Ruínas do presidio da Ilha dos Porcos, onde cumpriu pena como preso político Víctor García "O Brasileiro".

Víctor García García será sempre para o nós “O Brasileiro”. Nado no concello asturiano de Quirós -na parroquia de Muriellos-, con só dezaseis anos, era 1924, emigrou coa súa familia a Santos, non tardando en adherise á causa do comunismo, após unha militancia inicial nas filas do anarquismo. Afiliado a sección local da Internacional, secretario do ilegal partido comunista da súa cidade, ao tempo que se desenvolvía como contábel, participou activamente nas loitas sociais e políticas do seu tempo. Mentres tomaba a palabra no local dos sindicatos nun comicio en homenaxe a Sacco e Vanzetti, canda Elza Patricia Galavao “Pagu” e María Ferreira, o mitin foi disolvido pola forza pública, ficando asasinado o seu amigo e camarada Hercunalo Sousa, outro dos mártires do partido de Luís Carlos Prestes [o líder histórico do Partido Comunista Brasileiro]. Víctor García será confinado no presidio da Illa de Porcos; fuxindo da mesma, pasaría a clandestinidade. Ao pouco sería detido en Río de Xaneiro. Foi duramente torturado, até arrancarlle as uñas das mans e dos pes. A represión resultou na súa expulsión do país por volta de novembro de 1933.

O Brasileño (1)Incorporado á loita política no estado, é elixido secretario de organización da Xuventude Comunista de Asturias. Integrante da dirección do sindicato da construción, é un dos cadros da revolución de 1934. Arrestado pola forzas de seguridade en León, confínano primeiramente no barco prisión Alfonso Pérez, para con posterioridade ser condenado a dous anos de cárcere que cumpre nos penais de Iruña, Santoña e na Modelo de Madrid. Iniciada a sublevación fascista, na condición de comisario político, participou nas accións de guerra na fronte norte en terras de Asturias e de Euskadi, deslocándose a Catalunya, onde, coma responsábel político do corpo de exercito dirixido por Antonio Beltrán Casaña "El Esquinazao", toma parte en diversos combates na área dos Pirineos e na Batalla do Ebro. Seguiu a milicia popular na súa fuxida ao exilio francés; porén, non tardaría en volver a península enviado pola dirección comunista.

O Brasileiro actuou como delegado da Internacional Comunista para o norte de Portugal e Galiza, sendo o secretario xeral da do PCE en Galiza e principal impulsor da Unión Nacional.

Instalado en Porto arredor de 1939, como delegado da Internacional Comunista diante do Partido Comunista Português, desenvolveu unha importante actividade clandestina no norte do pais e no sur de Galiza, ficando na memoria dos resistentes portugueses co seu nome de guerra de Manuel García, o lembrado “Dente de ouro” das conversas de Álvaro Cunhal [dirixente histórico do PCP]. Non demorou en ligar cos fuxidos das terras arraianas de Ourense en Pontevedra, colaborando na súa orientación política e animándoos na loita até rematar por se converter en outono de 1943 no secretario xeral da sección galega do PCE. O encontro, celebrado nas minas de Fontao, abriu o camiño para a reorganización do partido en Galiza, estabeleceu as bases para a súa incidencia na oposición armada  e impulsou o lanzamento da Unión Nacional, alternativa unitaria de oposición ao franquismo. A etapa de Víctor García á fronte da organización caracterizouse pola apertura a amplos sectores da oposición antifranquista e dunha colaboración activa cos nacionalistas que seguían as orientacións de Xosé Velo.

Segundo todos os indicios disponíbeis, Víctor García tería sido asasinado polos seus camaradas en Moalde, Silleda, seguindo as directrices da delegación do comité central do PCE en Francia, dirixida por Santiago Carrillo

Hai setenta anos, falamos de febreiro de 1948, e segundo permiten afirmar todos os indicios disponíbeis, foi asasinado polos seus Moalde, Silleda, sendo soterrado a carón da igrexa parroquial. A decisión da súa execución tería sido adoptada pola delegación do comité central do Partido Comunista de España en Francia, un núcleo de dirección máis preocupado pola fidelidade da militancia ao aparato que pola lealdade aos seus ideais, no contexto dunha depuración xeral da organización, contra aqueles que se opuñan ás orientacións de Santiago Carrillo.

Segundo un informe elaborado por Francisco Rei BalbísMoncho”, máximo responsábel da IV agrupación de guerrillas, en febreiro de 1952, “Victor foi eliminado por orde do Partido, isto díxomo Xulián, alias de Gaioso". E Rueda, após participar na execución, pasou ao lado de “Xulián” como home de toda a súa confianza. Mentres en Brasil o seu papel de dirixente revolucionario é recoñecido publicamente, aparecendo o seu cadro nos locais das organizacións populares a carón de Carlos Marighella ou Olga Benario, o PCE négase a facer autocrítica sobre esta actuación, ficando sen resposta as cartas neste sentido dirixidas polo fillo de Victor García aos dous últimos secretarios xerais do partido, Francisco Frutos e José Luis Centella.

Comentarios