Sabes que é o Sestercio de Augusto? Só existen tres no mundo, un deles na Galiza

O Goberno galego declarou o Sestercio Ben de Interese Cultural.
Estatua do emperador romano Octavio Augusto. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Estatua do emperador romano Octavio Augusto. (Foto: Nós Diario)

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Sestercio de Augusto, unha moeda do século I a.C. da que só se coñecen tres exemplares no mundo, un deles nunha colección particular na Galiza.

Detalle do Sestercio de Augusto. (Foto: Nós Diario)
Detalle do Sestercio de Augusto. (Foto: Nós Diario)

Con esta decisión, o Goberno galego culmina o procedemento iniciado en marzo deste ano, tras a petición, en 2021, da Dirección Xeral do Ministerio de Cultura e Deporte, que destacou o seu "especial interese" para o patrimonio español, tendo en conta o carácter único da moeda.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta abriu o expediente de declaración BIC que, tras o informe favorábel da Real Academia de Belas Artes e do Consello da Cultura Galega, é aprobado agora para, posteriormente, ser publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Orixe da moeda

O Sestercio de Augusto é unha moeda do século I antes de Cristo, de bronce e duns 38 gramos. Forma parte da serie coñecida como do Noroeste, polo seu lugar de circulación ou da caetra, polo escudo redondo do reverso, acuñada por Octavio Augusto, moi probabelmente para facer fronte aos gastos militares das Guerras Cántabras (27-19 a. C.), a última fase da conquista romana da Península Ibérica.

Á hora de abrir o expediente, a Xunta valora que esta moeda sexa case única, ao existir só dúas máis. Unha atopouse en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga-Portugal), e consérvase no Museu de Arqueoloxía don Diego de Sousa, mentres que outra foi vendida nunha poxa en 1968 e 1979, descoñecéndose o seu paradoiro actual.

O exemplar declarado agora BIC foi adquirido nunha poxa en Nova York en 1999 e publicado en diversos manuais científicos de referencia para o estudo da moeda romana provincial en Hispania.

A serie non presenta marcas de datación, polo que a súa data de emisión e lugar de produción non están definidas e son obxecto de investigación. Atribúese a cecas como a de Emerita (Mérida), Lucus (Lugo) ou Colonia Patricia (Córdoba) e a talleres móbiles que acompañaban o exército.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios