O 'Roteiro pola memoria das mulleres' lembra Ernestina Otero, Otilia Meis, Isolina Méndez e Amalia Álvarez

Mocidade Galega pola Memoria rescatou o papel das mulleres durante o golpe de estado de 1936 e a ditadura franquista
Pablo Abelleira, integrante de Mocidade Galega pola Memoria, esta cuarta feira nun momento do roteiro. (Foto: Mocidade Galega pola Memoria)
photo_camera Pablo Abelleira, integrante de Mocidade Galega pola Memoria, esta cuarta feira na rúa da Princesa de Pontevedra nun momento do roteiro. (Foto: Mocidade Galega pola Memoria)

Mocidade Galega pola Memoria (MGM) organizou esta cuarta feira, 16 de agosto, o Roteiro pola memoria das mulleres, que partiu ás 19:30 horas dos Xardíns de Vicenti de Pontevedra, acompañadas polos Gaiteiros das Rías Baixas.

A actividade, que contou coa colaboración do Concello de Pontevedra, resultou un “éxito de participación absoluto”, con máis de 60 persoas seguindo as explicacións de Uxía Couto Escobar e Pablo Abelleira Acebedo, integrantes da MGM e guías desta actividade.

Couto e Abelleira explicaron o papel de mulleres como Ernestina Otero, Otilia Meis, Isolina Méndez ou Amalia Álvarez durante o golpe de estado de 1936 e a posterior ditadura franquista. O público asistente, de perfís moi diversos, puido ser consciente da terríbel represión que elas sufriron (sendo obrigadas a abandoar os seus traballos, enviadas ao exilio ou sendo sometidas a torturas), así como coñecer “a súa impliación e importancia na loita pola democracia e a liberdade do pobo e do país”.

Mocidade Galega pola Memoria síntese, en palabras de Uxía Couto (responsábel de formación da organización e guía da actividade) “agradecida pola alta participación da cidadanía que, ademáis das máis de 60 persoas inscritas previamente, tamén se uniu durante o paseo a aprender canda nós”.

“Para un grupo de persoas mozas coma nós é moi importante, e moi reconfortante, levar a cabo este tipo de actividades e que resulten útiles para a sociedade”, afirmou Couto ao remate do roteiro.

“Achegáronse para agradecernos a aprendizaxe sobre unha etapa tan escura da historia, que aseguraron descoñecer, así como para celebrar que lle outorgáramos ás mulleres a relevancia que elas mesmas se gañaron a pulso”, valorou.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios