Entrevista

Uxío-Breogán Diéguez, investigador: "Galiza tivo unha proposta de ruptura co franquismo"

O investigador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel vén de coordinar A Transición en Galiza (Edicións Laiovento, 2023). O volume reúne catorce investigacións que dan conta do traballo levado a cabo desde a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña. Desta cuestión conversa con Nós Diario.
O investigador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O investigador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel. (Foto: Nós Diario)

— A Transición en Galiza  forma parte das iniciativas que leva a cabo a Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, que vostede dirixe. Esta transcende o ámbito universitario para implicarse na sociedade?
Na Universidade da Coruña (UDC) realizamos numerosas iniciativas que procuraron pór en valor a memoria histórica democrática do noso país, como os cursos de verán e xornadas de divulgación, abertas a toda a sociedade. Nalgunhas destas iniciativas ten colaborado o Concello da Coruña, que á súa vez realiza actividades de relevo en materia de memoria histórica, nas que desde a UDC tamén presta colaboración e, froito desas sinerxías, naceu a Cátedra de Memoria Histórica da UDC cun importante apoio municipal. Comezamos en 2018 e continuamos en 2019 coa suma de investigadoras e investigadores que traballamos esta temática (os máis novos desde finais dos 90 e os máis veteranos desde inicios dos 80 do pasado século).

Certo é que abrimos a difusión a través de dúas exposicións: “Galiza Mártir. Da esquerda republicana ao exilio” (2020) e “A Galiza da Transición” (2021). Esta última foi a antesala do congreso sobre a transición realizado na UDC no outono 2022. Nel xerouse un foro de debate que implicou a moitas persoas e a quince investigadores e investigadoras.

—Que achegas atopará a lectora e o lector neste volume?
Fundamentalmente, afástase das organizacións que a nivel español deseñaron a “transición oficial” cara a unha democracia que non representou unha ruptura en relación ao que fora o tardofranquismo. Neste libro o que facemos é pór o foco, sobre todo, no que é a rica realidade política, social e cultural que existía nese período. En realidade, o que fixemos foi dar conta non só da riqueza do momento senón desa proposta de ruptura que se ensaiaba na Galiza. Presentamos a riqueza que existiu naquel tempo en canto a interlocutores. Por exemplo as demandas que había desde o ámbito obreiro até o agrario, pasando pola loita feminista, a creación literaria, a loita cultural e linguística ou o ecoloxismo.

Observamos que, por sistema, existe un relato case exclusivo referido á transición onde se presentan organizacións de dimensión española, fundamentalmente con epicentro madrileño, que eclipsan o resto. Damos conta de como se procurou na Galiza esa construción nacional a partir dunha exixida ruptura democrática con epicentro netamente galego, sen dependencias alleas. É a gran novidade desta obra, que está pensada para que a Galiza actual coñeza (e recoñeza) o esforzo que implicou a loita contra un franquismo que quería seguir proxectándose no futuro (e que en parte así foi...) e pola ruptura democrática en clave nacional.

—Cales foron as dificultades máis importantes que se atoparon para investigar este período?
As máis importantes teñen que ver coa consulta de documentación directamente vinculada a eses anos. Poño por caso o investigador Francisco Xavier Redondo Abal que traballa, fundamentalmente, sobre fontes do Tribunal de Orde Pública (TOP). Non puido até hai poucos anos acceder á documentación. No meu caso, e noutros, levamos 25 anos traballando sobre a cuestión nacional na Galiza. Recompoñer politicamente o país daquela altura, máis alá de traballar con fontes de hemeroteca é moi complexo. A razón é que os partidos políticos que había daquela non existen na actualidade e moitos non tiñan arquivos (máis alá dos documentos persoais que cada quen gardou; e obviamente en moitos casos non había nen actas das xuntanzas), dada a clandestinidade na que se desenvolvían.

Reconstruír toda aquela realidade require dun traballo moi minucioso e laborioso que implica moitos anos de dedicación. Como impulsor e coordinador deste libro, tamén busquei voces que falaran de temas pouco tratados como é o caso da cuestión de xénero, o movemento ecoloxista e a loita pola lingua no tempo da transición.

—Que implica a publicación e que camiño seguirá a Cátedra de Memoria Histórica da UDC?
O libro é o feche dunha primeira fase de abordaxe da transición na Galiza, se ben , en breve imos publicar outro libro que recolle todas as comunicacións que se presentaron ao devandito congreso que celebramos. Despois, traballaremos de maneira monográfica os temas tratados a partir doutras accións de carácter divulgativo. Poremos o foco na recollida de fontes onde se poña en valor o protagonismo que tiveron, por exemplo, as mulleres no ámbito obreiro, agrario e político no tempo da transición.

 


 

As reivindicacións nacionais, no foco

Como investigador, o profesor Uxío-Breogán Diéguez, responsábel da única Cátedra sobre memoria histórica que existe nunha Universidade galega, leva traballando desde finais dos noventa esta materia e entrou a formar parte nunha das redes de especialistas nesta materia existente no Estado español despois de participar no primeiro congreso organizado en Madrid a nivel estatal pola Fundación Salvador Seguí sobre “as outras protagonistas da transición” e a “esquerda radical” fronte ao franquismo. Naquel congreso abordou o nacionalismo galego no tempo da transición. A partir das relacións dese encontro, tivo lugar un segundo congreso en Catalunya e un terceiro na Galiza.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios