Pontevedra lembra mulleres da cidade represaliadas polo franquismo

A Mocidade Galega pola Memoria organiza os actos.
A rúa da Princesa, en Pontevedra, lugar polo que pasará o roteiro (Foto: Google Maps).
photo_camera A rúa da Princesa, en Pontevedra, lugar polo que pasará o roteiro (Foto: Google Maps).

Esta cuarta feira, 16 de agosto, véspera do Día da Galiza Mártir, a Mocidade Galega pola Memoria organiza algunhas actividades que, este ano estarán centradas principalmente na memoria de mulleres pontevedresas que foron represaliadas pola ditadura franquista.

Na mañá desta cuarta feira presentarán o chamado ‘Decálogo de San Simón’, un documento elaborado pola propia Mocidade pola Memoria con dez propostas para traballar arredor da memoria histórica no país e no Estado, dirixido, fundamentalmente, ás Administracións públicas.

Sobre este decálogo pronunciouse Pablo Abelleira, responsábel de organización da Mocidade Galega pola Memoria que, en declaracións a Nós Diario, sinala que "este documento recolle propostas como que a Xunta institucionalice o Día da Galiza Mártir ou o nomeamento da illa de San Simón como a 'Illa da Memoria', entre outras".

Para alén da presentación deste decálogo, levarase a cabo un roteiro polas rúas de Pontevedra para falar sobre a represión que sufriron as mulleres durante o golpe de estado de 1936 e a ditadura franquista, así como tamén do papel destas antes e durante estes sucesos históricos. Haberá paradas en diferentes lugares con especial significado para elas, por ser onde viviron, onde traballaron, onde loitaron pola democracia ou onde foron represaliadas.

"Represión absoluta"

Acerca do roteiro, Abelleira manifesta a este xornal que "houbo moitas mulleres que naceron en Pontevedra ou que viviron en Pontevedra que foron absolutamente represaliadas pola súa defensa da democracia ou simplemente por axudar os presos políticos do franquismo". Entre os nomes que no roteiro se escoitarán están os de Amalia Álvarez ou Ernestina Otero. 

Sobre a represión que sufriron estas mulleres, Abelleira indica que "moitas delas foron torturadas durante días, rapadas e obrigadas a varrer as rúas cun cartaz pendurado do pescozo que puña 'comunista'".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios