Roberto Mera: "Alejandro Viana organizou os embarques máis potentes de refuxiados republicanos"

A historia do galego Alejandro Viana ben podía ser a do Schindler galego. Perseguido pola Gestapo e a Falange na Europa ocupada polos nazis, foi quen de sacar milleiros de refuxiados do Estado español a América e salvar así as súas vidas. A súa historia recuperouna en forma de libro o seu sobriño-bisneto e concelleiro nacionalista en Ponteareas, Roberto Mera. A obra, titulada Alejandro Viana (Belagua Edicións), preséntase hoxe no Auditorio de Vilagarcía. Nós Diario conversa con Mera sobre a figura de Viana.
Roberto Mera cun exemplar do libro (Foto: Nós Diario)
photo_camera Roberto Mera cun exemplar do libro (Foto: Nós Diario)

Como chega a investigar a vida de Alejandro Viana?

Comezo polo meu avó, Ponciano Mera Viana, sobriño de Alejandro Viana, que falaba con frecuencia da súa figura como deputado e que morrera en México. Non daba máis información e até o ano 2000 non o relacionei coa posibilidade de que podía ser un deputado republicano e que se exiliara.

Daquela, meu avó confirmoume que pertencera a Izquierda Republicana e que se exiliara pola guerra. Na documentación que gardaba había algunhas referencias ao traballo humanitario en Francia. Pareceume interesante e comecei a investigar.

Que descubriu?

Recompilei información de testemuñas, fontes orais aínda vivas, anteriores a 1936 e no exilio. Despois de consultar moitas hemerotecas e arquivos descubrín que deixara un rastro documental espectacular, desde os 20 anos até que morre en 1952, con 75 anos, en México. Había moita información, sobre todo en xornais anteriores ao 36 do que era a súa vida en Vigo, en moitos arquivos había tamén información oficial, do ámbito empresarial.

Mesmo aparecía en publicacións doutros exiliados que contaron as súas propias vivencias. Son miles de documentos. Até o inicio da Guerra Civil fora un dos personaxes máis relevantes da sociedade viguesa, tanto no ámbito empresarial como no social e político.

O libro, para facelo accesíbel, céntrase na etapa que vai de 1936 até 1952, cunha parte central en Francia. Alí asume altas responsabilidades que teñen que ver directamente coa axuda aos refuxiados.

Primeiro a nivel material para vivir nese país e logo a específica para saír basicamente cara a América. Inicialmente é responsábel dunha sección dun organismo que crea o Goberno republicano español en Francia, o de Evacuación de Refuxiados Españois (SERE), que se encarga especificamente dos embarques.

Meses despois de organizar os embarques máis míticos e potentes do exilio, acaba sendo o director xeral de todo o organismo, tamén da asistencia sanitaria, roupas, aloxamento, atención aos mutilados e orfos da guerra. 

No tema dos embarques é tamén o representante en París de varias organizacións galegas de América que recorren a el enviándolle diñeiro para localizar refuxiados e organizar o seu traslado en barcos de liña regular até eses países.

O libro representa unha homenaxe a esa xeración que segue no anonimato.

Sorprende ao público e aos historiadores cos que me atopo que non se tivera noticia antes da vida de Viana e do que fixo. Á marxe da súa heroicidade salvando os demais, arriscando a súa propia vida, hai que ter en conta que non actuou a título individual senón en nome dun Goberno que estaba no exilio e sen recoñecemento internacional.

Un Goberno que, aínda que derrotado, está á altura das circunstancias e é capaz de crear unha organización para atender dunha maneira bastante eficaz todos eses centos de miles de refuxiadas e refuxiados, cando eses dirixentes políticos podían terse marchado e refacer as súas vidas. Asumen unha obriga moral de non deixar tiradas todas esas persoas que estaban en campos de concentración, moitas morrendo e pasando fame. 

O libro fai un acto de xustiza co Goberno republicano. Non fala só de Viana, tamén doutros, como Pastor Candeira, que estaba ao seu carón. Aparecen moitas persoas que deron a cara polos demais.

A nivel cuantitativo sacan en barco ao redor de 17.000 persoas mais foron centos de miles os que subsistiron polo apoio material. Ese esquecemento pon de manifesto a anormalidade da transición democrática española. A figura de Alejandro Viana e o que representou, en calquera outro país tería sido considerado de gran relevancia histórica. Aquí tivo que rescatarse por pura casualidade.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios