Miles de galegos desertaron do exército franquista para sumárense ás forzas republicanas

“En sete meses evadíronse do campo inimigo, en territorio de Euzkadi, 294 soldados”. Deste modo titula un dos seus artigos o diario socialista La Lucha de Clases o 12 de abril de 1937. Nel móstrase a orixe, mesmo por localidades, dos soldados evadidos. De Galiza atopamos un bo feixe de desertores das ringleiras fascistas.
republica villareal
photo_camera Vista da inspección á fronte de Villarreal (Legutio).

O problema dos evadidos pola fronte de Euskadi vai ser un verdadeiro problema para o Estado Maior rebelde. Non se fían dos soldados galegos. O tenente coronel Camilo Alonso Vega, xefe militar alzado na provincia de Araba, chega a dirixir un escrito a Burgos para denunciar unha práctica que xa lle preocupa en exceso. Nas unidades despregadas as desercións afectan maioritariamente a soldados galegos e cataláns. O militar aduce para explicar as causas “unha grande propaganda oculta na retagarda”. 

Mesmo denuncia o escaso espírito combativo despregado polos galaicos. Esta consideración negativa vai converterse nun tópico dentro do exército franquista.

Tampouco resulta algo sorprendente si temos en conta que unha cuarta parte dos seus homes proveñen das levas galegas. Alistarse como voluntario para marchar á fronte constitúe unha saída para moitos desafectos á nova orde e así evitar a represión desatada na retagarda contra todo esquerdista.

O 30 de novembro de 1936 o Exército de Euzkadi inicia a que vai ser coñecida coma batalla de Villarreal. A iniciativa tomada polos vascos colle desprevidas ás defensas rebeldes que van perdendo posicións de modo inexorábel. Nos xornais de Bilbo vanse a recoller a diario novas de soldados galegos que se van entregando ás forzas vascas.

Sen ir máis lonxe, o 3 de decembro de 1936, o xornal Euskadi Roja recolle que “a maior parte dos  facciosos, pasados ás nosas filas son de procedencia galega, que se atopaban en Logroño e Burgos”. Outro tanto, sinala un días máis tarde El Pueblo Vasco, quen sinala que “en  Nafarrate fixérono esta mañá outros trece soldados, na súa maioría galegos, recentemente incorporados a esta fronte”.

Manuel Ceruelo

Un destes evadidos, por exemplo, é o cenetista compostelán Manuel Ceruelo que consegue desertar pola fronte de Araba para ingresar logo no batallón Celta.

O gobernador civil de Bizkaia, o pontevedrés José Echeverria Novoa é quen de visitar á fronte acompañando ao novo lehendakari José Antonio Agirre. Froito da súa presencia perto do campo de batalla é a entrevista que mantén cun nutrido grupo de soldados galegos que acaban de pasarse ás ringleiras gobernamentais traendo consigo media ducia de mulas e 2 ou 3 metralladoras. Sabedores da orixe galega do gobernador civil da provincia insisten en coñecelo e saudalo.

Tras a finalización da batalla sucédense tres meses de calma na fronte vasca. Agás algunhas escaramuzas e disparos diarios de posición a posición non sucede nada salientábel dentro do contexto bélico. Mais as evasións non se deteñen, mesmo a partir do 31 de marzo cando se inicia a ofensiva que promete asoballar á fronte de Euskadi. 

Temos que ter en conta a situación de perda de terreo das forzas vascas perante o empurre da ofensiva, e aínda así a evasión de soldados galegos non se detén coma podemos observar no xornal CNT del Norte o 9 de marzo, que escribe que “Rosendo Cidre, de Lugo, prestando servizo militar en Iruña cando estalou o movemento rebelde, pasouse ás nosas filas a propósito de que se lle ía a fusilar. (…)Pertenceu á  C. N. T. en Lugo.(…) Pasouse pola parte de  Mondragón, despois de sufrir un tiroteo do seu compañeiro de sentinela ao que puxo cando durmía unha gran pedra sobre o capote para que non se puidese mover”

A finais do mes de maio de 1937 o xefe da sección II de información recolle nun informe a todos os evadidos de campo faccioso dese mes. Dos 56 evadidos contabilizados, 16 deles son de orixe galega. Así temos entre outros o ourensán Rosendo Barrios, o vigués Francisco Varela ou os pontevedreses Manuel Estevez e Enrique Vilas.

Galegos na defensa de Bilbo

Mesmo en datas moi próximas á caída de Bilbo seguen a pasarse galegos a pesares da anguriosa situación que están a vivir os vascos. O comisario político do terceiro batallón da UXT, Eduardo Uribe relata unha anécdota ocorrida o 14 de xuño. Perdida unha posición, os batallóns vascos deben tentar retomala caída a noite dada a carencia de aviación propia. Esa noite tratan de propinar un golpe de man ás trincheiras inimigas situadas no monte Lauro, en Biscaia.

“Os seus defensores, case todos galegos, entregáronse sen apenas resistencia, (…) un capitán defendeuse pistola en man (…). Morreu cribado a  balazos. Os galegos (…) eran arredor de 50 (…) e ofrecéuselles a oportunidade de unirse á República ou quedar alí esperando aos seus (...) e uns poucos viñeron connosco, pero a maioría quedou  pois dicían que, estando as cousas como estaban, o máis seguro sería que lles collesen e entón non o ían a pasar nada ben” sinala Uribe.

Tiñan claro como as gastaban os facciosos. Se non os collían, o máis probable é que a familia sufrise as consecuencias das súa defección.

O Batallón Celta

Manuel Ceruelo é un dos grandes nomes do anarquismo galego. Como moitos outros compatriotas veuse obrigado a alistarse no exército fascista para fuxir da represión e non dubidou en desertan cando puido para pasarse xunto dos seus. O seu caso non é único no batallón Celta, un corpo de exército formado por libertarios galegos en Euskadi. 

Comentarios