Mostra sobre a cultura galega no exilio

A Galiza que sobreviviu ao fascismo en América

Trece paneis, un interesante programa de conferencias e proxeccións do filme A cicatriz branca conforman GalizAmérica, a mostra itinerante coa que a Deputación de Pontevedra quere lembrar a cultura galega do exilio antifascista. Inaugúrase esta quinta feira na Sala das Cunchas do Concello do Grove
 

fotograma da cicatriz branca
photo_camera Fotograma do filme 'A cicatriz branca', de Margarita Ledo.

“Sempre se dixo que Galiza foi submisa co franquismo e iso non é certo, o exilio é unha consecuencia da represión e polo tanto unha forma de loita”, indicou Carmen Carreiro, comisaria da exposición cando o crítico e escritor Ramón Nicolás. A propia Carreiro explicou a estrutura dunha iniciativa “que vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados”.

O primeiro apartado de GalizAmérica relaciona exilio e represión. Detense nos portos e nas embarcacións que levaron centos de galegos e galegas comprometidas coa democracia de Europa a, maiormente, América Latina. Despois, a exposición debulla “a xenerosidade de América” e o nacemento dalgúns dos centros galegos máis importantes.

Na parte final, os contactos e vías de comunicación entre os exiliados do interior e e os do exterior centran a pescuda. “Incidimos especialmente nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e de revistas na diáspora e que serían impensábeis aquí”. A mexicana Vieiros -nucleada arredor do cineasta Carlos Velo- ou as arxentinas Correo Literario ou Galicia Emigrante -con Luís Seoane entre os promotores; esta última contava tamén edición radiofónica- foron algunhas delas.

“Este é un proxecto clave para entender a nosa lingua e a súa evolución nestes anos escuroes que foron os do fascismo, que obrigou a que as persoas exiliadas mantiveran viva a nosa cultura alén das nosas fronteiras”, sinalou o responsábel de Cultura da Deputación pontevedresa, Xosé Leal, “unha homenaxe a todas esas persoas que loitaron polo mantemento da cultura galega nunha América que naquel momento foi o facho no que prendeu a nosa lingua”.

GalizAmérica, que arrinca no Grove, pasará despois por Gondomar (do 5 ao 21 de outubro), na Guarda (do 25 de outubro ao 10 de novembro), en Redondela (do 15 de novembro ao 2 de decembro) e en Poio (do 5 de decembro ao 23 de decembro).

As conferencias correspondentes serán de Rosario Portela -Arredor do libro, para unha historia da edición galega, no Grove o 13  de setembro-; Pilar Cagiao -O galeguismo no Uruguai, en Gondomar o 5 de outubro-; Mónica Rebolo e Philip Duncan -Sempre en Galiza, a voz dos galegos no Río da Prata e Avelino Rodríguez no exilio, respectivamente, na Guarda o 25 de outubro-; Uxío Breogán Diéguez -O galeguismo no exilio americano, en Redondela o 15 de novembro-; e Margarita Ledo -Recuperar a fala, recuperar a alma, en Poio o 5 de decembro.

De Margarita Ledo tamén se poderá ver o filme A cicatriz branca (2012). “É unha obra de xénero, feminista pero que se grava integramente e opr primeira vez na diáspora e en lingua galega”, expuxo a cineasta na presentación do programa. As proxeccións serán o 14 de setembro no Grove, o 14 de outubro en Gondomar, o 9 de novembro na Guarda, o 15 de novembro en Redondela e o 16 de decembro en Poio.

Comentarios