Rafael Pillado, dirixente do PCG e de CCOO en 1972

"O 10 de marzo non era só a negociación dun convenio"

Rafael Pillado Lista é un das grandes referencias do movemento obreiro galego durante a ditadura. Nado nunha familia comunista, dirixente do Partido Comunista de Galicia e CCOO e preso político nos cárceres franquistas, lembra no Día da Clase Obreira Galega os sucesos de 10 de marzo de 1972 en Ferrol.

Rafael Pillado Lista. (Foto: Miguel García)
photo_camera Rafael Pillado Lista. (Foto: Miguel García)

A que reivindicacións responderon as folgas de marzo de 1972 en Ferrol?

As reivindicacións eran económicas, sociais e culturais. Isto é, xornada, salario e condicións de traballo, pero, sobre todo, aprenderamos unha cousa xa desde había anos e era esa relación entre as reivindicacións económicas e sociais e as reivindicacións políticas.

Así, na negociación do convenio, formulábase o dereito á folga, á liberdade sindical e á necesidade de liberdades políticas, que eran elementos de referencia para todos os traballadores.

O 10 de marzo non era só a negociación dun convenio. Inscríbese na batalla contra a ditadura e pola democracia, na batalla polos nosos dereitos políticos. Iso estaba moi presente e esas reivindicacións levaban moi en primeiro plano as de natureza política. 

Que lembranzas garda con máis forza daquelas xornadas de mobilización de marzo de 1972?

Á volta de 1971, comeza a negociación dun novo convenio e alí xa se reclama un convenio de factoría para que a negociación se faga máis perto dos traballadores e para que se lles puidese informar do que pasaba na negociación.

A partir da negativa a negociar en Ferrol, comezan dúas semanas de protestas, con concentracións diante da Dirección da empresa. Naquela altura, reclamabamos a desaparición das quendas de 12 horas e igualar o salario dos traballadores que facían 8 horas con aqueles que facían 12, como condición previa a entrar a negociar o convenio. Chegamos ao 8 de marzo e alí xa se formula que o día 12 se organizaría unha concentración de todo o cadro de persoal, pero o 9 de marzo, cando chegamos á factoría, soubemos que varios compañeiros do xurado de empresa foran despedidos e, de inmediato, paramos.

Na zona dos arsenais, fixemos un percorrido longo para rematar en Dirección. Alí, tentamos negociar o retorno dos despedidos, mais indicóusenos que de ningunha maneira, e ás 17 horas a policía desaloxounos a golpes e botounos fóra da empresa, polo que esa noite reunimos a coordinadora comarcal de Comisións Obreiras (CCOO) e acordamos que no caso de estar fechada a empresa, nos concentraríamos diante do local do sindicato vertical.

Que acontece entón o 10 de marzo?

Unha vez comprobado que a empresa estaba fechada, indicámoslles aos traballadores concentrados diante do sindicato vertical a nosa intención de marchar até Caranza, onde se unirían os traballadores de Bazán, e alí tentaríamos de agrupar os miles de obreiros da construción que estaban traballando nas obras de construción do barrio.

Xa non nos deixaron chegar. Cando pasamos da estrada de Castela e entramos na estrada das Pías, a policía baixou do cuartel, tentando cortar o grupo pola metade para disolvernos, e a xente respondeu con pedras recollidas dun vertedoiro da construción que quedaba alí perto.

Neste contexto, un mando, eu creo que con disparos ao aire, tratou de amedrentar a xente, mais cando comezou a disparar este mando, outros que levaban pistola dispararon e xa despois, dous mortos, Amador [Rey] e Daniel [Niebla], e non só os 40 ou 50 feridos por disparos de balas dos que se fala. O número superou o cento, mais a xente sabía que se a ferida non era grave non podía curarse nun centro sanitario, porque se ías a un centro sanitario quedabas apuntado.

Como foi a resposta da cidadanía á represión do réxime?

Unha vez que se coñece a resposta policial, paralízanse a cidade e as empresas da comarca e dáse unha vaga de solidariedade en toda a Galiza.

Os preámbulos de 1972

Rafael Pillado sitúa os antecedentes do conflito de 1972 nun longo proceso que arranca en 1948, cando o Partido Comunista (PC) decide pór fin á loita guerrilleira e pasa a facer "entrismo" [unha forma de intentar gañar simpatizantes] nas estruturas do sindicato vertical. Neste contexto, cunha estrutura do PC e CCOO moi fortes, na comarca de Ferrol desenvólvese a negociación do convenio de 1966. O sindicalista lémbrao da seguinte maneira:

"Alí tocoume participar na negociación dun convenio en Madrid coa representación das outras factorías do grupo, isto é, de Cartaxena e San Fernando en Cádiz, e aprendín que había que reclamar un convenio de factoría pola correlación de forzas desfavorábel que existía nestes dous centros de traballo do grupo". Esta experiencia acabou por marcar a negociación do seguinte convenio, que concluíu en 1972 co asasinato de Amador Rey (nado en Trasancos, Narón, en 1933) e Daniel Niebla (nado en Ferrol en 1933) por mor dos disparos da policía

Comentarios