Aristocracia e represión falanxista tras o 'comisionista' das máscaras en Madrid

Rafel Medina y Villalonga, avó de Luis Medina Abascal, acusado pola Fiscalía de cobrar comisións na venda de máscaras ao Concello de Madrid, foi un recoñecido represor franquista que participou do golpe de Estado de 1936.
Rafael Medina y Villalonga, vestido de branco e no centro da imaxe, liderando un grupo represivo falanxista nunha localidade sevillana, en 1936. (Foto: Fondo Juan José Serrano da Hemeroteca de Sevilla)
photo_camera Rafael Medina y Villalonga, vestido de branco e no centro da imaxe, liderando un grupo represivo falanxista nunha localidade sevillana, en 1936. (Foto: Fondo Juan José Serrano da Hemeroteca de Sevilla)

O xornal eldiario.es puxo rostro esta terza feira á familia de Luis Medina Abascal, un dos investigados, xunto ao empresario Alberto Luceño, polo presunto cobramento de comisións na venda de máscaras ao Concello de Madrid, motivo polo que a Fiscalía Anticorrupción os acusa dos delitos de estafa, falsidade documental e branqueo de capitais.

Medina Abascal pertence a unha das principais familias da aristocracia do Estado español, a Casa de Medinaceli, e actualmente ostenta o título de marqués de Villalba.

Tal e como recolle eldiario.es, o avó do investigado, Rafael Medina y Villalonga, tomou as armas en 1936 e participou do golpe de Estado militar que derrocou a autoridade republicana, alén de se integrar na chamada Garda Cívica, que protagonizou algunhas das escenas máis crueis da represión franquista en Andalucía.

Unha vez instaurado o réxime ditatorial de Francisco Franco, Medina foi nomeado alcalde de Sevilla (1943-1947) e, posteriormente, procurador nas Cortes españolas.

A investigación

Segundo o escrito da Fiscalía, Medina Abascal foi quen contactou co Concello para ofrecerse como intermediario na compra das máscaras en marzo de 2020, "aproveitando a súa condición de persoeiro coñecido na vida pública e a súa amizade cun familiar do alcalde de Madrid [José Luis Martínez-Almeida]". Trátase, en concreto, de Carlos Martínez-Almeida, curmán do rexedor e avogado que opera no sector privado.

Fiscalía afirma na súa querela que ambos os empresarios venderon luvas de "ínfima calidade" e test de detección da Covid-19 que resultaron ser "defectuosos".

Luis Medina tería percibido unha comisión dun dólar por máscara, polo que a contía total roldaría o millón de dólares, uns cartos cos que mercou un iate valorado en 325.000 euros.

"Disto inférese que o prezo real de venda das máscaras era de 2.689.300 dólares e que os acusados o inflaron artificialmente para levar como beneficio neto da operación 4.000.000 dólares; é dicir, 148% do prezo real do produto", sostén Anticorrupción.

Pola súa parte, Luceño, o encargado de mercar o material, teríase enriquecido con case 5 millóns de dólares.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios