A oposición levará á Cámara o contrato dos Ayuso coa Xunta

A oposición urxe a Sanidade a dar explicacións emntres o PP opta polo silencio.
Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Europa Press).

A exclusiva de Nós Diario sobre o contrato sen publicidade da Xunta da Galiza co cofundador dunha empresa dos Díaz Ayuso por un importe de 298.265 euros mediante un procedemento con negociación sen publicidade irrompeu na axenda política galega. Desde o Partido Popular óptase por gardar silencio e declinan facer calquera tipo de valoración ou declaración ao respecto. Desde o BNG e PSdeG, pola contra, urxen o Goberno galego a dar explicacións e adiantan iniciativas no Parlamento para pedir que se esclarezan os feitos.

Montserrat Prado, portavoz parlamentar do BNG en Sanidade, pide "luz e taquígrafos" sobre este contrato, afirmando que "é preciso esclarecer como se fixo" e "a través de quen".

"Escandaloso"

Prado considera "escandaloso" que en "plena pandemia" se produzan este tipo de actuacións e adiantou que a formación nacionalista vai levar ao Parlamento esta contratación. "Queremos que se informe de todas as contratacións feitas de emerxencia pola Consellaría de Sanidade durante a pandemia", manifestou a deputada do BNG.

 Julio Torrado, portavoz de Sanidade do PSdeG na Cámara galega, anunciou que desde a formación socialista "imos facer un seguimento deste caso" e instan a Consellaría de Sanidade a dar explicacións "o máis rápida e claramente posíbel".

Torrado sinalou que o PSdeG "non desbota exixir responsabilidades a través de iniciativas parlamentarias" por este contrato e enfatizou que "non podemos consentir nin asumir que se dean contratacións" deste tipo.

Un modo de facer política

Tanto Montse Prado como Julio Torrado coincidiron en enmarcar este feito nun "facer" da Xunta de Gobernos de Núñez Feixoo ao longo destes anos.

"A información que publicades en Nós Diario redunda en algo que moitos denunciabamos desde hai tempo, como era que os Gobernos de Feixoo tenden a ser pouco transparentes", apunta Julio Ferreiro.

Montse Prado, pola súa parte, apunta que "levamos anos denunciando que o PP privatiza a Sanidade e faino en beneficio de empresas amigas. Desde o minuto un demostraron a opacidade coa que funcionan, que é tremenda". Sanidade adxudicou 298.265 euros a Proyectos Hospitalarios Internacional S.A. (Prhoinsa) mediante un procedemento con negociación sen publicidade. A empresa ten por administrador único Herrero Casasola, segundo o Rexistro Mercantil. Este empresario foi cofundador de Sismédica SL, a compañía da que Isabel Díaz Ayuso manifesta ter o 50% na súa última declaración de bens patrimoniais na Asemblea de Madrid. O administrador único de Sismédica é Tomás Díaz Ayuso, o irmán da política e intermediador dos contratos supostamente irregulares que acabaron, por tratar de investigalos, coa carreira de Pablo Casado.

Eulen

Tanto o BNG como o PSdeG lembraron onte Eulen, o grupo empresarial do que é que é directiva unha irmá de Núñez Feixoo e que formalizou coa Xunta contratos por contía de 37 millóns de euros desde 2009, ano en que Feixoo chegou á Presidencia. "Sanidade ten moitos contratos con esta compañía", indicou Torrado. "Non debemos esquecer que o PP vetou que Contas audite eses contratos", dixo Prado. 

Comentarios