A represión da homosexualidade durante o período franquista

Un réxime heteropatriarcal no que a virilidade é símbolo de poder.
A reforma franquista da Lei de Vagos e Maleantes e da Lei de Perigosidade e Rehabilitación Social actuou como elementos represores para a homosexualidade. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A reforma franquista da Lei de Vagos e Maleantes e da Lei de Perigosidade e Rehabilitación Social actuou como elementos represores para a homosexualidade. (Foto: Nós Diario)

A desestabilización do discurso heteropatriarcal implica a creación de novos espazos para a memoria. É de xustiza encher os baleiros históricos, investigar sobre a diversidade humana e recoñecer a existencia dos diferentes colectivos na escrita da súa historia. Durante a ditadura franquista exerceuse con asañamento unha represión brutal contra quen non cumprira co binarismo de xénero e a heterosexualidade obrigatoria. Calcúlase que no Estado Español unhas 4.000 persoas foron detidas na ditadura e fichadas como homosexuais pola policía. Entre os anos 1970 e 1979 encarceráronse uns 1.000 homosexuais, dos cerca de 5.000 que foron xulgados. A concepción heteropatriarcal era o piar dun réxime no que a virilidade é símbolo de poder. Coa ideoloxía do nacionalcatolicismo o modelo é a familia tradicional, a homofobia imperante identifica inversión sexual e militancia de esquerdas. O xeneral Queipo de Llano proclama ao pouco do golpe fascista: “Todo afeminado ou invertido que lance algunha información sobre este movemento, dígovos que o matedes como a un can”.

Ao principio a persecución céntrase nos adversarios políticos, mais axiña se inicia unha persecución atroz das persoas con orientación sexual diferente á maioritaria, primeiro dirixida aos círculos literarios e artísticos e despois ao ámbito castrense castigando con penas de até 6 anos de prisión os chamados “actos deshonestos con individuos do mesmo sexo”, atentatorios contra o honor militar. Asemade se estabelece unha rede de control de toda a sociedade, con premios para as persoas delatoras.

A ditadura de Primo de Rivera incluíu no seu Código Penal a homosexualidade. Máis tarde, a II República eliminou calquera mención á homosexualidade de entre as condutas tipificadas como delito. A Lei de Vagos e Maleantes de 1933 está dirixida a xente considerada antisocial, vagabundos, nómades ou proxenetas. A chegada dos valores democráticos da República achegou unha permisividade e un futuro de esperanza, nesgados de súpeto polo golpe militar fascista do 36.

En 1935 o Goberno fixo xestións para comprar a illa de Ons e instalar nela unha Colonia agrícola para Vagos e Maleantes mais a oposición veciñal e a situación que atravesaba o país fixeron fracasar o proxecto.

Entre outras, as figuras de Blanco Amor, Serafín Ferro, Suárez Picallo, Bouza Brey e moitas que ficaron no anonimato proporcionaron claros exemplos de supervivencia. En 1953 créase un Xulgado especial de Vagos e Maleantes nas Palmas de Gran Canaria, en 1954 o de San Roque e en 1958 os de Madrid e Barcelona. O decreto 1192/1966 fixa a competencia definitiva dos 12 Xulgados de Vagos e Maleantes existentes. O de León, dirixido polo maxistrado Mariano Rajoy Sobredo (pai do ex presidente Mariano Rajoy) alcanza a súa xurisdición ás provincias da Coruña, Lugo, Ourense Pontevedra, Oviedo, Palencia, Valladolid e Zamora.

En Dereito Penal substitúese o concepto de responsabilidade polo de perigosidade social. Non son considerados enfermos senón “perigosos” e polo tanto o seu lugar non é o cárcere ou o manicomio, senón institucións capaces de atender o seu problema. O cárcere de Huelva funcionou como centro de rehabilitación para os homosexuais pasivos e o de Badaxoz para os activos. Alí eran sometidos a traballos disciplinarios, como fabricar caixas de peixe ou sogas e ás veces se lles aplicaban terapias. As Colonias Agrícolas para Vagos e Maleantes cumprían a mesma función. Octavio García lembra en diferentes entrevistas o inferno vivido en Téfia (Fuerteventura), colonia creada en 1954.

A escaseza de centros destinados a este fin fixo que en moitos casos estiveran recluídos nos cárceres normais, nos pavillóns de invertidos ou en seccións especiais, nas galerías de presos comúns. Durante o réxime franquista os informes da Policía Nacional ou da Garda Civil mostran o trato vexatorio que recibían “por ser propenso á sodomía, por ser afeminado”, outro falaban dun “marcado amaneiramento e unha deformación da personalidade psíquica común a case todas as formas de perversión sexual”, por non entrar en detalles como a “existencia de dilatación esfinterina no ano”, que determinaban que se trataba dun “homosexual pasivo”.

Ideólogos do réxime, como o falanxista Mauricio Carlavilla, alertaron da perigosidade que representaba para a Patria a homosexualidade, asociada a valores contrarios á familia. Famosos foron Juan José López Ibor e Antonio Vallejo Nájera, dous psiquiatras que aplicaron técnicas terríbeis para curar a homosexualidade, amparados por leis franquistas inspiradas por médicos afíns ao nacional-catolicismo, como Valentín Paz Argiles.

A reforma feita por Franco da Lei de Vagos e Maleantes (LVM) de 1933, que incluíu os “invertidos” en 1954, e a Lei de Perigosidade e Rehabilitación Social (LPRS) de 1970 actuaron como elementos represores para a homosexualidade. As memorias da Fiscalía do Tribunal Supremo en 1970 sinalan o ascenso da homosexualidade. A LVM fora un fracaso. A persecución endurécese en 1970 coa LPRS, mais as reivindicacións de diferentes colectivos de gais, de lesbianas e de transexuais , de recente creación, conseguiron que a homosexualidade quedara excluída da devandita lei en 1978, porén a represión non rematou, continuou a persecución amparada baixo o paraugas da Lei de Escándalo Público até 1988. A LPRS e o delito de “escándalo público” foron empregados para reprimir, deter e encarcerar sen xuízo a homosexuais e transexuais na derradeira etapa da ditadura franquista e nos anos posteriores.

Milleiros de vidas destruídas polo único feito de seren “homosexual en exceso” ou “esteta” como consta en informes do xuíz Sabater. Máis unha vez cómpre reflexionar sobre o retroceso que supuxo a chegada da ditadura e preguntármonos sobre a situación actual do colectivo se o nefasto golpe non se tivera producido.

Na escritura da historia non oficial hai que recoñecer a todas as persoas que resistiron e loitaron polas liberdades. Todas as vítimas que sufriron a represión franquista pola súa orientación sexual merecen a verdade, a xustiza e a reparación.

Comentarios