A 'querela arxentina' suma a adhesión de cinco familias

O Consulado arxentino de Vigo recibirá, na vindeira quinta feira, unha nova remesa de documentación para sumar á chamada “querela arxentina”, que investiga no país suramericano os crimes de lesa humanidade e xenocidio cometidos polo Estado español desde o golpe de Estado de 1936. 
EuropaPress_3522661_abogada_equipo_derechos_humanos_grupo_avogados_novos_vigo_irene_alvarez
photo_camera A avogada Irene A. Francés cos familiares de Bóveda, Caamaño e Paz. (Foto: Europa Press)

O Consulado arxentino de Vigo recibirá, na vindeira quinta feira, unha nova remesa de documentación para sumar á chamada “querela arxentina”, que investiga no país suramericano os crimes de lesa humanidade e xenocidio cometidos polo Estado español desde o golpe de Estado de 1936. 

Cinco familias engaden as súas historias ás querelas presentadas en xaneiro polas familias de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz e denuncian os asasinatos e as condenas que padeceron o ex alcalde de Valga, Celestino Carbia; o mestre de Teo, Bernardo Mato; o veciño de Ponteceso, Carlos Abella; e os de Ribeira, José Lijó e José Sieira. 

“Galiza dá un novo paso contra o franquismo”, di o comunicado, e así, as familias que agora presentan as súas adhesións á querela “veñen reforzar esta ferramenta xurídica tan importante na loita contra as políticas do Estado español baseadas na impunidade, o silencio, o esquecemento e a falta de investigación xudicial destes crimes, reclamando así o seu dereito á verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición”, explica Irene A. Francés, de Avogados Novos de Vigo. 

O proceso das denuncias iníciase en 2019 desde a Deputación de Pontevedra e conta co asesoramento da Coordinadora CeaQua, Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) e Avogados Novos de Vigo. Na quinta feira comparecerán todas as entidades no Consulado, na compaña da deputada de Memoria Histórica María Ortega. 

A historia tras dos nomes

Ao ex alcalde de Valga, Celestino Carbia, fusilárono en Monte Porreiro en maio de 1937; mentres que o mestre de Teo, Bernardo Mato, faleceu en setembro de 1936 vítima dun “asasinato extraxudicial logo de ser detido e sometido a un interrogatorio por falanxistas que o liberaron ferido de morte”. 

Carlos Abella López, veciño de Ponteceso e sindicalista da Confederación Nacional do Traballo (CNT), foi condenado a pena de morte e conmutáronlla por cadea perpetua ao non contar, na altura, coa maioría de idade.

O ribeirán José Lijó era membro do comité de defensa da República e foi fusilado en Santiago de Compostela en xaneiro de 1937. Por último, José Sieria, tamén de Ribeira e tamén morto en xaneiro de 1937, foi asasinado pola súa vinculación coa CNT.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios