Membro da comisión de Dereitos Humanos de Avogacía Nova de Vigo

Irene A. Francés: "No Estado español estase a empregar o discurso do esquecemento e da amnesia"

A nova da semana, para a memoria histórica galega, é que as familias de Bóveda, Caamaño e Paz presentaron no consulado da Arxentina en Vigo as súas querelas de adhesión á causa que xulga os delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade cometidos de 1936 a 1977. 'Nós Diario' trata o tema coa avogada Irene A. Francés.
EuropaPress_3522661_abogada_equipo_derechos_humanos_grupo_avogados_novos_vigo_irene_alvarez
photo_camera Irene A. Francés coa familias de Bóveda, Caamaño e Paz. (Foto: Europa Press)

Na pasada segunda feira, acompañou as descendentes de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz a presentar as súas querelas de adhesión á causa arxentina contra os crimes do franquismo. Que supón ese paso e cal é o seguinte?

O que supón este paso para as familias é seguir co pulso, que se xulguen estes crimes. En relación coa querela arxentina, 4591/2010, unha vez que chegue a documentación, tramítase e se a xuíza o considera enviará unha comisión rogatoria para o testemuño de vítimas e vitimarios -se hai unha persoa viva que sexa responsábel, que é unha das principais dificultades porque falamos de feitos de 1936 e moita xente xa faleceu-. Mais pódese investigar e pódense depurar responsabilidades, porque se trata de recoñecer que, nestes tres casos, o que se fixo foi defender o Goberno Civil de Pontevedra. Foron fusilados no 36 por defender os valores da democracia, ten que haber unha resolución e unha restitución persoal, moral e xudicial.

Que ten que facer un individuo ou unha familia que estea a considerar adherirse á causa?

É suficiente con contactar coa coordinadora de apoio á querela (CeaQua), ou con Iniciativa Galega pola Memoria ou tamén ao departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Unha vez que se explica a situación, recompílase a documentación e ponse todo en marcha. Presentáronse máis de  mil denuncias, escritos de adhesión ou querelas en todo o Estado. A querela arxentina é unha ferramenta con vida propia e que se nutre do traballo de distintos equipos. É un traballo colectivo, para rachar coa impunidade. 

Por que ten que ser a xustiza arxentina a que abra esta causa en 2010?

Porque no Estado español estamos diante de políticas de impunidade. Refírome a que se trata de políticas case intactas despois de máis de 40 anos. Atopamos que hai unha falla de investigación xudicial ante crimes de lesa humanidade cometidos na ditadura franquista e fronte a isto estase a empregar un discurso do esquecemento, da amnesia. Hai un perdón oficial dos crimes franquistas porque se fala dunha vontade de reconciliación entre a sociedade na transición, pero o certo é que se está a aplicar a sentenza do Tribunal Supremo 101/2012, que nin sequera estaba a investigar estes crimes, que imposibilita a verdade xudicial ao aplicar a Lei de amnistía e non o principio de Legalidade internacional.

E a comunidade internacional, non ten nada que dicir?

O Estado español está adherido a tratados internacionais de dereitos humanos e ten a obriga de encarar estas investigacións, non obstante, está a ignorar ese deber. Non se están a indagar estas causas e por iso se acode á querela arxentina porque no Estado español o que se presentou e o que se está a presentar acaba por arquivarse, e o que queda por facer é esgotar a vía interna até chegar a tribunais internacionais. 

Até 2004, os crimes contra a humanidade non foron incorporados ao Código Penal, pol0 que os tribunais españois entenden que son delictos illados en non un ataque á poboación civil e, polo tanto, non prescriben. Aínda que non se incluían eses crimes no código, España si tiña ratificados tratados internacionais e, polo tanto, desde Nacións Unidas díxose que o Estado tiña capacidade para xulgar e debía facelo... Non obstante, foron cinco veces as que a xustiza española se negou a extraditar a Martín Villa amparándose na orde dun consello de ministros de 2015. 

Estamos a falar de falta de vontade por parte do Estado para investigar os crimes?

As políticas de memoria avanzaron no coñecemento pero do que estamos a falar é de que se impide xulgar e investigar, e teno que facer un terceiro Estado, o que indica que o Estado español impide que se acade a verdade xudicial. 

Na Lei de amnistía a cuestión é como se pode amnistiar sen unha condena previa. Non hai nada máis que unha sentenza e a falla de vontade política, iso é o que obstaculiza a indagación. A falla de vontade política seguramente será estrutural, ao final, entre a transición, a Lei de amnistía... Houbo unha consolidación do silencio e do esquecemento e, se partes dunha sociedade democrática con eses antecedentes, se realmente, segundo o dereito internacional, se podería realizar a investigación e 

Un breve repaso á causa 4591/2010

Hai xa 10 anos que se puña en marcha a causa da xuíza arxentina María Servini “por delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977”, no Estado español.

O obxectivo de dita causa é o de investigar e xulgar os crimes do franquismo e os cometidos durante a transición. Este camiño empréndese desde un terceiro Estado, a Arxentina, en virtude do principio de Xustiza universal e ao tenor de que no Estado español, a Lei de amnistía de 1977 conduce ao arquivo das denuncias.

Aínda así, a causa 4591/2010 conseguiu entre os seus logros máis destacados a comparecencia do ex ministro franquista Rodolfo Martín Villa en 2020, e protexido até hoxe, por orde dun Consello de Ministros de 2015 que denega solicitudes de extradición, por parte da xustiza arxentina, para prestar declaración ás persoas vitimarias.

Comentarios