Lores valora o inicio de mandato en Pontevedra: "Está a ser espectacular"

“Está a ser un verán cultural absolutamente salientábel. Todas as actividades estiveron cheas de xente", indicou o rexedor nacionalista de Pontevedra.
Miguel Anxo Fernández Lores en rolda de prensa (Foto: Concello de Pontevedra)
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores esta segunda feira en rolda de prensa (Foto: Concello de Pontevedra)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta segunda feira en rolda de prensa para ofrecer un balance destas primeiras semanas de mandato, nas cales mantivo un seguimento de “todo o que pasou na cidade”.

“Está a ser un verán cultural absolutamente salientábel. Todas as actividades estiveron cheas de xente: desde o Festival de Jazz e Blues até a Urbana de Monte Porreiro, pasando por Con voz de muller ou Itineranta”, indicou o rexedor. “Tivemos actividades deportivas, infantís… Están a ser semanas de incríbel actividade festiva e aínda temos por diante todas as Festas da Peregrina”, acrecentou.

Para alén diso, o alcalde indicou que “sen ningún tipo de dúbida, estas actividades están tendo unha importante pegada na cidade, que estes días está chea de xente, tanto de veciños e veciñas como de visitantes e turistas chegados de diversos puntos do mundo, percibídonse, ademais, a importancia do Camiño de Santiago Portugués neste aspecto”.

No referido ao Goberno Local, Lores sinalou que tiña que facer “unha valoración moi positiva”.

"Novos folgos"

“Iniciamos un novo mandato con novos folgos, pensando en abrir unha nova etapa e só podo estar orgulloso e contento do traballo que están a realizar todos os concelleiros e concelleiras”. Nese sentido, o alcalde quixo subliñar en positivo o labor feito pola alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, a través dun traballo “absolutamente espléndido”.

O rexedor lembrou diferentes accións e mudanzas das que a cidade do Lérez “foi testemuña” ao longo destas últimas semanas como a adxudicación de residuais e pluviais Montecelo por un valor de 800.000 euros, o inicio das obras do Campo de fútbol de Salcedo cun orzamento de 1,9 millóns ou o lanzamento do Plan Mercado que “revitalizará a primeira planta do Mercado e traerá consigo a ordenación de mercadiño antigüidades e do achegamento da feira ambulante até este espazo”.

“Só podo valorar positivamente un inicio deste tipo. Queriamos facer un Goberno diferente e creo que todos os concelleiros e concelleiras estiveron, ao longo destas semanas, respondendo dun modo activo e cun traballo exquisito”, finalizou. “A partir de agora seguiremos traballando con toda a intensidade posíbel”.

Comentarios