O franquismo que aínda pervive na Galiza

Ducias de vestixios do franquismo perviven en espazos públicos e privados na Galiza, desafiando a Lei de memoria histórica 15 anos despois da súa aprobación. Placas en igrexas e prazas e até nomes de rúas ou escudos franquistas en edificios oficiais conforman unha lista de simboloxía que semella resistirse a desaparecer.
Escudo franquista na fachada do edificio de Aduanas en Vigo (Foto: CCM).
photo_camera Escudo franquista na fachada do edificio de Aduanas en Vigo. (Foto: CCM)

O proxecto Debería Desaparecer, posto en marcha pola Fundación Jesús Pereda, identificou e visualizou até o de agora ao redor de 5.600 símbolos franquistas que perviven no conxunto do Estado español, situando case medio cento deles na Galiza

Subvencionado polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, o traballo constitúe o primeiro catálogo a nivel estatal, aínda que se trata dunha aproximación en base ás recompilacións das Administracións locais ou asociacións memorialistas, investigacións especializadas e medios de comunicación. 

A través da propia web do proxecto pódese informar da localización doutros símbolos franquistas non incluídos na súa base de datos. No que respecta á Galiza, a web recolle medio cento de vestixios, repartidos por diferentes comarcas do país. Figuran desde o edificio de Aduanas en Vigo, dependente do Ministerio de Facenda, e que loce un escudo franquista na súa fachada, até lápidas honrosas aos "caídos" do bando franquista en igrexas de diferentes localidades, como a de Bueu, no Morrazo.

Investigar e actuar

Os propios investigadores deste proxecto asumen que a cifra real de simboloxía pode multiplicarse debido a que até o de agora non se fixo un compendio exhaustivo. Nin a nivel galego nin estatal. De feito, nin sequera a maior parte das provincias estatais   tomaron en serio o mandato da lei vixente de elaborar, como primeiro paso, un catálogo de vestixios, algo que 62% das mesmas non ten.

A investigación identificou que a maioría de restos que incumpren a Lei de memoria histórica, en concreto 82%, están en espazos privados debido á sobrerrepresentación das placas falanxistas das vivendas.

Un exemplo disto atópase en Compostela, onde no grupo de vivendas Cardenal Quiroga manteñen sobre a porta dalgúns edificios a placa co xugo e as frechas da "obra social" do franquismo.

Manuel Monge contabiliza 650 símbolos presentes

O número de vestixios que do franquismo hai na Galiza recollidos neste proxecto é moi inferior ao existente na realidade. De feito, máis de 650 símbolos e distincións franquistas fican aínda presentes na Galiza, segundo a conta que o sociólogo, investigador e activista pola memoria histórica Manuel Monge publicou no libro Os restos do franquismo na Galiza.

Unha simboloxía presente nunha disparidade de maneiras, desde o escudo franquista da fachada da Audiencia Provincial de Pontevedra a nomes de rúas —só en Beariz hai catro rúas e prazas dedicadas a personalidades do franquismo—, pasando polo xugo e as frechas presentes nun dos botafumeiros da Catedral de Compostela.

Fronte a esta realidade, hai institucións que dan pasos adiante. Un exemplo é o da Deputación de Pontevedra, que en setembro abriu unha liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos cunha contía global de 100.000 euros. 

A comisión de Xustiza e Interior do Parlamento galego debateu en xuño de 2022 unha proposición non de lei presentada polo PSdeG que demandaba elaborar un informe técnico onde se recollese toda a simboloxía franquista presente na Galiza, así como a súa eliminación, instando á colaboración con outras Administracións, "nomeadamente concellos". 

O PP galego vetou retirar a simboloxía franquista de edificios públicos

A proposta contou co apoio do BNG, mais o PP, maioritario na Cámara galega, votou en contra, polo que a proposta foi rexeitada. "É difícil de entender que a estas alturas haxa que traer aquí unha proposición pedindo á Xunta que cumpra unha lei de 2007 [pola Lei de memoria histórica]", lamentou Paloma Castro, do PSdeG, no debate da citada comisión. Luís Bará (BNG), pola súa parte, criticara a "aversión" do PP a todo o que sexa "memoria histórica".

Comentarios