Falan as mulleres protagonistas da folga de 1972: "Toda a cidade estaba implicada, pagou a pena"

As mulleres viguesas xogaron un papel chave naquelas históricas mobilizacións que foron duramente reprimidas pola policía franquista e que provocaron milleiros de despedimentos.
Unha das mobilizacións daquel histórico 1972 en Vigo. (Foto: CCOO)
photo_camera Unha das mobilizacións daquel histórico 1972 en Vigo. (Foto: CCOO)

O nacemento do movemento obreiro galego contemporáneo está gravado na memoria colectiva da sociedade cunha data, o ano 1972, e dous lugares —aínda que non únicos—, Ferrol e Vigo, e nesa memoria tamén resoan nomes como Daniel, Amador, Suso, Waldino, Eulogio ou Rafael e, con algo menos de eco, os de mulleres como Margarita, Pilar, Luisa ou Isabel.

Este mes de setembro fai 50 anos a folga histórica que paralizou a industria da cidade de Vigo, en plena ditadura franquista, e que tivo o seu preludio nas mobilizacións de marzo do 72 en Ferrol, nas que foron asasinados Daniel Niebla e Amador Rei a mans da policía franquista.

Co paso dos meses, a tensión foi en aumento e o despedimento a principios de setembro de varios traballadores da factoría de Citroën, no marco dunhas protestas para reclamar unha xornada semanal de 44 horas, foi a faísca que acendeu un episodio transcendental para entender non só a mobilización obreira na Galiza, senón tamén a loita polas liberdades e a democracia.

O 11 de setembro de 1972, hai xusto medio século, os traballadores concentrados ás portas de Citroën inician unha marcha cara a outras factorías da cidade, e a eles súmanse operarios de Reyman —fábrica de gomas no barrio de Coia—, dos estaleiros Santo Domingo, Hijos de J. Barreras e Vulcano, e doutras empresas.

Nos días posteriores, decenas de miles de traballadores e traballadoras únense ás protestas —os medios chegaron a cifrar nunhas 20.000 as persoas que pararan en diferentes sectores— e lograron manter o pulso durante dúas semanas, nas que se sucederon as detencións, o acoso das forzas policiais —con efectivos chegados de León e Valladolid— e máis de 5.000 cartas de despedimento enviadas.

Como foi posíbel, nun contexto como o de entón, manter ese pulso durante tanto tempo? A resposta para moitos dos que viviron eses acontecementos é clara: grazas ás redes de apoio e solidariedade tecidas por milleiros de persoas, a maioría anónimas, mais, especialmente, grazas ás mulleres.

"A historia sempre silenciou o papel das mulleres, e coas folgas do 72 pasou o mesmo", sinala a secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, que engade: "Pero sen elas, a folga de setembro, e outras, serían imposíbeis".

"Fíxose o que se tiña que facer". Esa é a reflexión de varias das persoas que participaron activamente das protestas, algunhas nun segundo plano. Pilar Lago, daquela militante do PCE, explica que, á marxe da conciencia política que puidesen ter homes e mulleres máis ou menos vinculadas a algunha organización, o que permitiu unha folga como a de hai 50 anos foi "unha inmensa e espontánea solidariedade".

Só así pode entenderse que ducias de familias puidesen saír adiante eses días, e nos meses posteriores, co pai ou nai —ou ambos os dous— detidos, despedidos ou agochados. Tanto Pilar, como Matilde Refojos —rexente dun posto de froita no Mercado de Teis e traballadora dunha fábrica téxtil e dunha floraría—, ou Mari Carmen Caride —cuxo futuro marido militaba no 72 no PCE e en CCOO, e traballa en Factorías Vulcano— coinciden nos seus recordos.

As veciñas deixaban alimentos ás portas das casas onde sabían que había problemas; as pescantinas, como a señora Maruja de Teis, regalaban o xénero aos que foran despedidos; outras quedaban cos fillos das que acudían a asembleas clandestinas; ou as mulleres que rexentaban bares, como a señora Ramona en Pousafoles, que sempre tiña un prato de comida preparado para quen levaba días sen cobrar.

"Había xente organizada, pero as redes de apoio xurdiron espontaneamente e, máis que coa conciencia política, tiñan que ver coa humanidade e a dignidade das persoas", lembrou Matilde, que tamén rememorou "o medo" da xente e a presenza constante de axentes da Brigada Político-Social "por todas partes".

Luisa Cuevas, que entón tiña 17 anos e estudaba no Instituto San Tomé de Vigo —só para mozas—, rememora esas semanas apuntando a visión dunha rapaza estudante e comprometida politicamente. No seu barrio, A Salgueira, tamén se respiraba a indignación pola represión aos obreiros, o medo e a expectación sobre o resultado dunha mobilización que puxo en xaque o réxime. "Case toda a cidade estaba implicada, moitos estudantes tamén. As tendas e comercios fecharon, a solidariedade foi total", explicou.

"Pagou a pena"

Na primeira liña da organización clandestina estiveron tamén algunhas mulleres, como Margarita Rodríguez Montes —infiltrada de CCOO no Sindicato Vertical do Grupo de Empresas Álvarez— ou Pilar Pérez —ex traballadora de Álvarez e da cooperativa Cogalco—.

"Eu non pasaba medo porque non me cría importante, só facía un traballo para o partido e o sindicato, mesmo o xuíz ante o que comparecín após a miña detención no 72 díxome con desprezo que marchase á casa, que eu non era 'dos que mandaban'", lembrou Margarita, se ben matizou que, con todo, esa folga "foi un golpe" ao réxime.

"Creo que foi un éxito. Non logramos o que pretendiamos, que era estender a folga a todo o Estado, mais metemos moito medo", salienta, antes de proclamar: "Pagou a pena. Non me arrepinto de nada, porque todo estaba por facer".

Pilar Pérez, pola súa parte, lembra o especial sacrificio que fixeron as mulleres que estaban organizadas politicamente porque, a pesar de teren —con carácter xeral— o apoio dos seus 'camaradas', moita xente "colgábache rapidamente o cartel de puta, ao verte chegar de madrugada á casa, ou por non estar encerrada atendendo os fillos ou o marido".

No seu caso, aliás, chegou á folga do 72 'bregada' na loita, porque xa fora detida e encerrada en maio do 69 no cárcere da rúa do Príncipe, onde coincidiu co seu marido, malia que en salas separadas. Alí Pilar soubo que estaba embarazada da súa primeira filla e alí mesmo llo comunicou ao seu marido, a través dunha reixa e a berros: "Estou preñada!".

Honra a quen "racharon co medo"

Medio século despois daqueles acontecementos en Vigo, Amelia Pérez proclama con contundencia que esa folga "foi un triunfo" e insiste en pór o valor o papel das mulleres que, "sabendo que non ían formar parte da historia oficial, nin saír nos libros", tiñan claro que "o seu papel era imprescindíbel".

O seu rol eses días, destaca, tiña "un dobre valor" porque a sociedade da época "reserváballes outro papel". Así, non só estaban a dar un paso adiante "nun mundo de homes", como era o da loita obreira clandestina, senón que, en moitos casos, "a súa contorna non as comprendeu" porque "se supuña que tiñan que estar na casa, coidando do fogar e os fillos". "As novas xeracións debemos aprender delas valores como a xenerosidade e a prioridade do colectivo", subliñou.

Na mesma liña, Montse Carrera, responsábel comarcal de CCOO en Vigo, engade que, en xeral, a cidadanía viguesa "descoñece" a transcendencia deses feitos, e o valor dunhas mulleres que, en plena ditadura e nunha sociedade patriarcal tutelada de forma opresiva pola Igrexa, "racharon co medo".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios