Carlos Barros: "A represión da folga de 1972 foi desproporcionada"

O historiador Carlos Barros era responsábel do movemento obreiro na dirección do Partido Comunista en Vigo en setembro de 1972. O seu cargo permitiulle seguir de primeira man a orixe e o desenvolvemento do conflito obreiro decorrido naquela altura. Nesta conversa con 'Nós Diario' achega parte das súas lembranzas naquelas xornadas de 1972.
Carlos Barros era o director de 'Vigo Obreiro' en 1972. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Carlos Barros era o director de 'Vigo Obreiro' en 1972. (Foto: Nós Diario)

—A que reivindicacións responderon as folgas de setembro de 1972 en Vigo?
As mobilizacións responderon en primeiro lugar a reivindicacións laborais, por un desacordo na negociación do convenio de Citroën. Iso leva, a que dous compañeiros desta empresa se reúnan comigo para consultarme se vía correcto convocar unha folga xeral en Vigo, algo que xa apuntara nun número de Vigo Obreiro, xornal de Comisións Obreiras (CCOO) que eu dirixía. A miña resposta foi favorábel á convocatoria da protesta.

A medida que o paro de Citroën provoca o despido de varios traballadores, a folga trasládase a outras empresas en solidariedade cos despedidos, o que xeneraliza a protesta na practica totalidade dos centros de traballo. Hai que ter que en conta que, a raíz da folga, son despedidos máis de 4.000 operarios na cidade.

Ao carón das demandas laborais e de solidariedade sitúanse no mesmo plano as reivindicacións democráticas, porque estaba en xogo o dereito ao traballo, o dereito á folga ou o dereito á libre sindicación. En definitiva, foi un conflito de orixe laboral que se converteu nunha gran protesta contra a ditadura.

—Que lembranzas garda con máis forza daquelas xornadas de mobilización de setembro de 1972?
Eu era naquela altura o responsábel de movemento obreiro do Partido Comunista de Galicia (PCG) en Vigo, polo que o primeiro que fago é pasarme á clandestinidade para que a miña caída non significase un atranco á folga. O meu horario naqueles días era regular, reuníndome pola maña cos membros do comité de folga, que agrupaba representantes das empresas máis importantes, pola tarde redactaba a folla voandeira que cada día achegábamos aos traballadores e algunhas veces, á noite, reuníamos o comité comarcal do PGC.

Foron uns días de traballo militante moi precario, de relación íntima entre o PCG e Comisións Obreiras, que está na cerna do rexurdimento do movemento obreiro, onde Vigo xogou un papel moi importante.

—Falaba da relación íntima entre o Partido Comunista e Comisións Obreiras, que papel xogaron estas organizacións nas mobilizacións viguesas de 1972?
As Comisións Obreiras son un movemento que xorde de forma espontánea, apoiado desde o primeiro momento polo PCG, o que leva a militancia deste partido  a organizar o sindicato en moitas empresas. E ao revés, hai unha serie de xente que desde CCOO ingresa no partido, como acontece con Waldino Varela, que procede dunha familia de tradición anarquista. Eu mesmo ingresei no PC na universidade a través do movemento estudantil porque vía esta forza como a máis activa na loita contra a ditadura.

A achega do PCG ás folgas de 1972 foi de orientación política, na liña da proposta do partido dunha folga nacional pacífica para o derrocamento da ditadura, achegando, tamén, o seu aparato de propaganda e os seus contactos para fornecer información.   

—A folga só puido ser derrotada pola represión, como foi esta?
A represión da folga de Vigo foi desproporcionada. A ditadura franquista temía caer pola protesta da rúa e por iso había que abortar a protesta cos métodos que fosen. Até aquí chegaron membros da Brigada Político Social (BPS) procedentes de todo Estado, a Garda Civil custodiaba o transporte público e creouse un sensación de medo na chamada clase media.

Asemade o empresariado vigués colaborou coa represión despedindo masivamente os traballadores, 400 dos cales non volveron traballar até o ano 1977.

A débeda cos obreiros de Vigo

Carlos Barros mantén  gravada a lume aquelas xornadas de 1972. Neste sentido, pon en valor que “con toda a represión que houbo, os traballadores aguantaron durante 15 días a protesta” e considera que “se os traballadores do conxunto do Estado tiveran a mesma actitude que os de Vigo, a ditadura caería na rúa e a Transición sería moi diferente, non como resultado dun pacto cos sectores aperturistas do franquismo, que garantiu a continuidade de sectores non democráticos senón como resultado dunha ruptura”.

Ao tempo, pide xustiza “para os traballadores de Vigo, con quen a democracia e Galiza segue en débeda” e lembra que “a clase media viguesa non se solidarizou coa loita dos traballadores, a diferenza do acontecido en Ferrol”. Neste sentido, destaca que “até a mobilización de 4 de decembro de 1977 pola autonomía non se une a clase media e o proletariado vigués”.

Comentarios