O PSdeG exixe á Xunta que se persoe na demanda do Estado español para reclamar os bens de Meirás

Os socialistas da Galiza consideran esencial esta pretensión.
Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).
photo_camera Pazo de Meirás. (Foto: M.Dylan)

A portavoz de xustiza do PSdeG, Pomba Castro, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta da Galiza que compareza na nova demanda de reclamación dos bens móbeis do Pazo de Meirás.

O Goberno galego “ten que implicarse nesta recuperación e comparecer na demanda da Avogacía do Estado español, como fixo no seu día coa demanda coa propiedade do Pazo", asegurou a socialista.

A demanda, explicou, inclúe unha petición cautelar para que os bens permanezan dentro do Pazo de Meirás e en depósito da Administración até que o xulgado decida a quen lle corresponde a súa propiedade.

Así, Castro exixiu ao Executivo de Alfonso Rueda que dea a cara "para apoiar as pretensións do Estado español" nunha reclamación que cualificou como "esencial para garantir a conservación e protección dos bens no inmóbel, así como a integridade dos intereses históricos e artísticos vinculados a eles".

A demanda do Estado español

O pasado mes de setembro, o Estado español presentou unha nova demanda contra a familia do ditador Francisco Franco para reclamar a propiedade dos máis de 500 bens que aínda permanecen no seu interior.

Na súa demanda, presentada nun xulgado en Madrid, o Estado español tamén pedía a aplicación de medidas cautelares para evitar que a familia Franco poida retirar obxectos do pazo; un espolio que xa foi denunciado por colectivos e formacións políticas.

A demanda non inclúe entre os bens reclamados as esculturas do Mestre Mateo e as obras de Emilio Pardo Bazán.

Comentarios