Un xulgado da Coruña permite aos Franco retirar bens do Pazo de Meirás

A retirada non poderá ser realizada até que un xulgado de Madrid resolva unha demanda interposta polo Estado español.
Detalles do interior do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Detalles do interior do pazo de Meirás. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña vén de autorizar a familia do ditador Francisco Franco, a través dun decreto con data 26 de setembro, a retirada de bens móbeis do Pazo de Meirás. O Estado español reclamou a pasada semana, a través dunha demanda, que se impida esa retirada.

O citado decreto, ao que tivo acceso Europa Press, estima en parte un recurso de reposición interposto pola Administración Xeral do Estado, Xunta da Galiza, Concellos da Coruña e Sada e a Deputación da Coruña, deixando sen efecto a concesión dun prazo á familia do ditador para a retirada dos bens e o acceso ao inmóbel dos profesionais que designasen.

No seu lugar, acórdase que a entrega dos bens, máis alá dos que non poden ser retirados, teña lugar en presenza "da comisión xudicial e as partes", tomando como base un inventario elaborado en novembro de 2020.

"Respecto dos bens de intereses cultural será necesario contar coa preceptiva autorización da Xunta de Galicia para o seu traslado", recolle o decreto, en relación aos declarados como Ben de Interese Cultural (BIC) como o caso das esculturas do Mestre Mateo e a biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán.

Tamén dá un prazo de 20 días ás partes para concretar o tempo necesario para a práctica da dilixencia, así como identificar as persoas que intervirán para a entrega de bens. Por outra parte, sinala que, contra a presente resolución, cabe interpor recurso de revisión no prazo de cinco días contados a partir do día seguinte da súa notificación.

Demanda nos xulgados de Madrid

Fontes próximas ao caso, consultadas por Europa Press, precisaron que o xulgado autoriza a retirada de bens móbeis, pero engadiron que a mesma "non procede até que o xulgado de Madrid resolva sobre a medida cautelar presentada polo Estado español" para impedir que se retiren.

Estas fontes fixeron referencia á demanda presentada contra a familia Franco na que a Avogacía do Estado reclama a propiedade de 564 bens do Pazo de Meirás e pide como medida cautelar que non se permita retiralos do inmóbel até aclarar a súa propiedade.

A Avogacía do Estado presentou esta demanda despois de que os Franco solicitasen antes ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña retirar todos os bens depositados no inmóbel que non foron reclamados pola Administración estatal no seu momento.

Comentarios