Os Franco renuncian a cinco bens do pazo de Meirás

Dos 55 bens en disputa coas Administración públicas, renunciaron a cinco, entre os que están a escultura de San Xosé, uns escudos e un monolito.
Vista polos bens de Meirás. (Foto: M. Dylan).
photo_camera Vista polos bens de Meirás. (Foto: M. Dylan).

Os Franco renunciaron a cinco bens do pazo de Meirás no inicio da vista para determinar cales son parte do inmóbel e "cales poden ser retirados polos demandados", segundo expuxo o titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña ao comezo da cita en referencia á familia do ditador.

Antes de comezar as declaracións de testemuñas e peritos, os Franco avanzaron que renunciaban a cinco bens, entre os que están a escultura de San Xosé, uns escudos e un monolito.

Sada reclama todos os bens

Pola súa parte, en declaracións aos xornalistas ás portas da antiga Audiencia da Coruña, o alcalde de Sada, Benito Portela, trasladou que manteñen "moitas expectativas" sobre o resultado da vista e remitiuse ao informe pericial "moi preciso" que había presentar na vista para reclamar a titularidade pública dos bens.

"Todos os bens móbeis do pazo, fóra dos que acrediten que foron postos con posterioridade a 1975", sentenciou sobre a postura de Sada, onde se sitúa o inmóbel.

Sada reclama a titularidade pública de todos os bens desde a época de Emilia Pardo Bazán até a morte de Franco

Fíxoo antes de que o xuíz non admitise o citado informe pericial -que analiza bens entre 1938 e 1975- por presentación "extemporánea" e por entender que non se incorporan "novos feitos".

Pola contra o letrado do consistorio de Sada cualificouno de "pertinente", formulación que defendeu o Estado.

Oito meses de demora

Inicialmente fixada para outubro do ano pasado, esta vista adiouse a novembro e posteriormente ao mes de xaneiro. Nesa ocasión aprazouse a solicitude da Administración Xeral do Estado e da Xunta, quen pediron a suspensión porque o informe pericial elaborado pola familia Franco tivo entrada a principios dese mes.

Dos bens existentes, o Estado reclamou 133 e até o momento eran 55 os que estaban en discusión coa familia Franco, que xa avanzou a súa renuncia a cinco.

Na vista, están presentes os Franco, ademais do Estado, a Xunta, a Deputación da Coruña e os concellos da Coruña e Sada, que reclama a titularidade pública de todos os bens desde a época de Emilia Pardo Bazán até a morte de Franco e que foron incorporados durante a ditadura polo Estado.

Cómpre lembrar que, en principio, a familia Franco amosou a súa intención de quedar con patrimonio como as estatuas de Abraham e Isaac (atribuídas ao Mestre Mateo) e parte da biblioteca de Emilia Pardo Bazán que continúa no inmóbel.

No pasado incluso chegaron a enviar unha empresa de mudanzas ao complexo situado no municipio de Sada, pero atopáronse coa negativa de paso.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios