O Estado español exclúe as esculturas do Mestre Mateo e os libros de Pardo Bazán da nova demanda aos Franco polos bens de Meirás

O pasado sábado, o Concello de Sada solicitara ao Estado español a "inmediata" presentación da demanda.
Vista do complexo de Meirás. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista do complexo de Meirás. (Foto: Europa Press)

O Estado español presentou esta semana unha nova demanda contra a familia do ditador Francisco Franco para reclamar a propiedade dos máis de 500 bens que aínda permanecen no seu interior.

Na súa demanda, presentada nun xulgado en Madrid, o Estado español tamén pide a aplicación de medidas cautelares para evitar que os familiares de Franco poidan retirar obxectos do pazo; un espolio que xa foi denunciado por colectivos e formacións políticas.

A demanda, á que tivo acceso Europa Press, non inclúe entre os bens reclamados as esculturas do Mestre Mateo e as obras de Emilio Pardo Bazán.

O pasado sábado, o Concello de Sada solicitara ao Estado español a "inmediata" presentación da demanda de titularidade dos bens móbeis do Pazo de Meirás.

Segundo lembraban nun comunicado, os Franco presentaron recurso contra o Auto do Xulgado sobre a execución dos móbeis do Pazo e solicitaban retirar "todos os móbeis que non foron obxecto do incidente do Estado", mais que o municipio considera "que deben permanecer dentro do Ben de Interese Cultural e que deberían ser de titularidade pública".

"Ante o risco de que poidan retiralos, provocando a perda da integridade patrimonial e cultural do sitio histórico", o Goberno local instaba o Executivo estatal a presentar a demanda da titularidade, "que debería incluír a solicitude de medidas cautelares que impidan a retirada dos bens que o Estado non reclamou".

Informe pericial

Na súa solicitude, o Concello de Sada pedía incorporar o informe pericial realizado por Manuel Pérez Lorenzo, no que se acredita a orixe, a permanencia e destino ao servizo da xefatura do Estado tanto dos procedentes de Pardo Bazán como dos incorporados polo Estado desde 1938 e ata 1975; "bens todos eles que gozan da condición de dominio público e, por tanto, propiedade do Estado".

Durante a vista relativa ás cuestións incidentais propostas para determinar que bens forman parte do Pazo de Meirás, que decorreu en xullo, peritos achegados polo Estado español e a Xunta coincidiron en que bens en disputa no pazo de Meirás, entre a administración estatal e as demais adheridas á súa demanda, pola que se logrou a titularidade pública do inmóbel, e os Franco, forman parte do "conxunto" e advertiron que retiralos suporía romper "o propio sentido histórico" do inmóbel.

Comentarios