mércores 14/04/21

'Nós', a revista que trouxo ares novos a Galiza

Neste 30 de outubro de 2020 Nós Diario irá acompañado dunha reprodución facsimilar do número 1 de Nós, Boletín mensual da cultura galega, a revista que viu a luz en Ourense o 30 de outubro de 1920. No mesmo día, dez anos antes, nace en Ferrol Ricardo Carvalho Calero. Neste artigo (publicado no Sermos Galiza nº420) damos algunhas chaves sobre a publicación que celebra o centenario e afondamos na participación de Carvalho Calero nela.
Nos
'Primeiras verbas' de Nós.

Dos faladoiros de café teñen derivado, sen dúbida, infinidade de proxectos culturais, e non só, na Galiza e, con toda a certeza, unha historia desas reunións vertería luz sobre a xénese e o desenvolvemento de moitos proxectos, fanados uns e exitosos outros. Parece ser que en xuño de 1920, nun deses encontros no café Méndez Núñez de Pontevedra “coinciden” Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez e de tal “coincidencia” sae a idea de fundar, e comezar a publicar, unha revista monolingüe sobre a cultura galega á que, a proposta de Castelao, deciden chamar Nós, como a páxina que, desde dous anos antes, viña publicando o xornal coruñés El Noroeste, con cabeceira debuxada por Castelao.

O primeiro número desta publicación, con Vicente Risco como director, apareceu o 30 de outubro de 1920 en Ourense, impreso no obradoiro de La Región, xornal fundado só dez anos antes, en febreiro de 1910, e onde tamén se publicarían os catorce números seguintes.

En 1923 pasou a se imprimir nos talleres de Poza, en Pontevedra, até que a Ditadura de Primo de Rivera suspende a publicación. O 25 de xuño de 1925 reaparece, por iniciativa de Ánxel Casal, na Coruña, e conta coa colaboración de membros do Seminario de Estudos Galegos ademais de colaboradores da primeira época. A partir do número 88 imprentouse en Compostela, na Imprenta Nós.

Neste 30 de outubro de 2020 Nós Diario irá acompañado dunha reprodución facsimilar do número 1 de Nós

O derradeiro número, o 144, do que parece que só hai dous exemplares localizados, segundo informa Alfonso Vázquez-Monxardín en crónica publicada en La Región o 20 de xaneiro do presente ano de 2020, saíu do prelo poucos días antes da sublevación militar de 1936. A Asociación de Escritores de Galicia dedicáballo a Ánxel Casal, mais tal dedicatoria tivo pouco percurso xa que a imprenta de Casal foi queimada uns días despois polos sublevados, interrompéndose así a publicación da revista xunto con todas as empresas galeguistas.

Casal foi asasinado en agosto do 36, seguramente polos mesmos que queimaron a imprenta. Morrían xuntos a revista e o seu principal impresor e desaparecía un dos proxectos máis emblemáticos do galeguismo, un proxecto integrador de toda a cultura galega, aberto a todos aqueles que se sentisen orgullosamente galegos e todo partindo dunha idea que será fundamental en toda a produción de Nós: combinar tradición e renovación, converténdose idea e revista, en palabras de Camilo Valdeorras, nun “dos máis valiosos símbolos hemerográficos da Galiza contemporánea”.

A modernización e europeización da cultura galega será o labor fundamental desta revista onde podemos encontrar tanto estudos sobre os castros como traducións de filósofos alemáns, recolección de cantigas e refráns populares á par de informacións sobre literaturas europeas, textos de autores portugueses ao lado dunha tradución fragmentaria da novela Ulises de James Joyce, a primeira, cabe salientar, en realizarse no Estado español. Foi no número 32 de 15 de agosto de 1926, ocupando as páxinas 3-11.

Na versión de Nós son 45 os fragmentos da “soadisima novela de James Joyce postos en galego do texto inglés” segundo indica o subtítulo por Ramón Otero Pedraio. Durante 10 páxinas, os lectores galegos de 1926 puideron descubrir na súa propia lingua unha parte do escandaloso texto publicado en inglés por vez primeira en febreiro de 1922. A tradución para español non chegaría até 1945, 19 anos despois, aínda que agora se traduce a novela completa.

Modernidade e europeización. Neste mesmo sentido escrebe Paz Andrade en 1970, en texto conmemorativo do cincuentenario, que “foi o primeiro esforzo, con tema e sistema, que brilla na cultura galega novecentista. Supón a superación das limitacións e querencias tradicionais para incorporar ao pais a cultura de Europa. Truxo a Galicia ares novos e un xeito solvente de rehabilitar e reconducir cara ao futuro o patrimonio do seu esprito”.

Primeiras verbas

Nós non esquece onde nace e o contexto en que se ha de desenvolver. Por iso as “Primeiras verbas” condensan os obxectivos do proxecto que agora se presenta e, á maneira de A bandeira ergueita con que abre A Nosa Terra, Nós principia “dun xeito sinxelamente brillante e un aquel teosófico-profético. Envolvéndoa nun programa paidético (“para enseño de moitos”) propulsou a publicación cara a tres albos que sen dúbida interpelan os homes e mulleres do noso país en cada época”. Son palabras de Camilo Valdeorras a propósito dese editorial, sen asinar, titulado “Primeiras verbas” e que reproducimos a seguir. Paga a pena ler cos ollos postos no presente.

Primeiras verbas

Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós.

É a ansia qu'oxe sinte Galizia de vivir de novo, de volver ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d'integración da Patria galega no seu xa rico polimorfismo.

Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, institucionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posicións posibles respecto das catro antonimias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos.

Nós ha ser un estudio piedoso e devoto, cheo de sinceridade, de todol-os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra.

Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s'afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.

Nós ha ser a afirmación pra sempre do verdadeiro ser de Galizia, do Enxebrismo, no que ela tén, debe e quere persistire. O Enxebrismo é a nósa orixinalidade específica, a nósa capacidá de creación, o nóso autóctono dinamismo mental.

Querendo suprimir entremediarios antr'o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixiosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co'a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado. Nada mais.

E, ós que s'asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por teren o Tempo e o Mundo os que o piden...

Nós conta achar agarimo e xenerosa axuda en todol-os que sintan d'iste xeito.

A todol-os que nos lean

SAUDE E TERRA

Carvalho, un home de Nós

Xa indicamos que o 30 de outubro de 1920, día en que Ricardo Carvalho Calero facía dez anos, aparece en Ourense o número 1 da revista Nós, revista da que Carvalho será un dos principais colaboradores a partir de 1928 e até 1936 en que o golpe de estado pon fin á vida da publicación e á de moitos dos seus principais colaboradores, incluído o impresor Ánxel Casal. Mais vaiamos con Carvalho Calero.

De ‘El Correo Gallego’ a ‘Nós’

As primeiras referencias que, como poeta, temos de Carvalho Calero aparecen en 1926, en El Correo Gallego, concretamente o 19 de setembro. Ten 15 anos e o diario ferrolán preséntao como “un poeta ignorado por todos y por todos seguramente admirado” continuando “nos afirman que ya ha escrito muchos versos, así que su corta edad nos autoriza para decir que Ricardito nació poeta”. E inclúe a continuación o xornal un poema titulado “Anochecer”, aclarando que está tirado dun libro en preparación. Na semana seguinte, o 24, outro texto titulado “Confesión” con data a pé de xuño de 1926.

En agosto dese mesmo ano, o día 20, Vida Gallega dá a coñecer un soneto que leva por título “En la muerte de Durán”. En outubro ve a luz o texto “El pájaro azul” e “Otoñal”. Aínda nese ano de 1926, en 24 de decembro, publica Carvalho o poema “Balada de Nochebuena”.

Son, todos eles, textos en español –se ben sabemos que por estas datas xa escribía en galego– onde aparecen xa trazos e motivos que se alongarán no tempo atravesando toda a súa obra.

No ano seguinte, este “distinguido escolar e inspirado poeta” xa escrebe poesía en galego, lendo versos seus no acto de entrada no Seminario de Estudos Gallegos, o 2 de abril de 1927, institución da que será secretario de actas e, despois, secretario xeral e onde, en palabras de María Pilar García Negro “coñece e admira os “maiores”, os mestres (que o serán de por vida), nomeadamente Castelao e Otero Pedraio. Con eles e co seu exemplo vaise forxar un compromiso indelébel, reavivado, como é lóxico, nos derradeiros anos da súa vida, os que permiten marxes máis largas de liberdade de expresión e de difusión do seu pensamento” e continúa “Carvalho é un dos autores plenamente incorporados á nomina de asinaturas desta revista de alta cultura podendo ler nela, e da súa autoría, poemas, estudos literarios, críticas e notas eruditas”.

A primeira colaboración de Carvalho en Nós data de 15 de febreiro de 1928, día en que aparece o número 49 de Nós. É un poema titulado “Deus”. Ora ben, a primeira de cantas? García Negro documenta un total de 32 entre febreiro de 1928 e xuño de 1935, atribuíndo a Carvalho, após unha rigorosa análise, algunhas que non levan sinatura. Mais, sendo importante a correcta fixación das intervencións de Carvalho en Nós, cuxa argumentación fica fóra do ámbito e da intencionalidade deste texto, hai elementos que demostran que Carvalho é plenamente un home de Nós e que é en Nós onde comeza a desenvolver, e a consolidar, as liñas básicas da súa produción: a artística e a científica e divulgativa que haberán de permanecer ao longo do tempo “Será esta simbiose -di García Negro- a que prosiga nas décadas seguintes, sen solución de continuidade, pormoito que o seu nome vaia moito máis asociado ao labor investigador, didáctico e publicístico que á creación literaria en termos estritos”.

Carvalho e Nós están indisociabelmente unidos, e non só por esa coincidencia de ambos naceren un 30 de outubro, senón, e sobre todo, por representaren unha forma de ver e de entender unha Galiza con futuro.

Das súas publicacións en Nós, escolmamos como mostra dous poemas. Canto ás colaboracións en prosa, até un total de vinte, desde recensións a breves notas, pasando por artigos máis extensos, tratan unha ampla temática, desde a necesidade de reivindicar a galeguización da universidade até a definición e características da propia Xeración Nós no artigo, absolutamente pioneiro, que leva por título “A Xeneración de Risco”, publicado no número 131-132 de novembro-decembro de 1934. A extensión destes textos non fai posíbel a súa publicación nestas páxinas polo que, e como mostra da prosa carvalhiana en Nós, transcribimos unha nota publicada no número 136, de 15 de abril de 1935, titulada “Rosalía, Curros e Juan Ramón”. Reproducimos, poemas e prosa, na súa versión orixinal.

DEUS

Pol-a veira do mare, os meus ollos nos teus,
as miñas maus nas túas, un día camiñamos.
As froles da Ilusión, en rescendentes ramos
se abrían no meu peito.

Mais non quixo Deus.
As rosas, ô teu paso,
murchábanse d´envexa;
mais, abaleiro, as ondas facían
seu arrulo,e hastra os sinos de prata
da recantada eirexa
tecían con mais alma seu soroso
capulo.
Do horizonte sereo no azuado
confín
frolecía a Marela Frol do
Celestial Xardín;
eu sentín nos meus ollos os
fondos ollos teus
e cabaleiro da Ilusión,
ô Sol das túas olladas se abreu
meu corazón
com´un cravel bermello...

Mais non o quixo Deus ...

Nós, número 49, 15 de febreiro de 1928

*********************************

Teño unha dôr que me canta
no peito
como unha rula en gaiola
fechada
ela me fai arrincarme do leito
pra facer versos â lus da
alborada.

Fun cazador incansabre de
estrelas;
fixen con elas licor de ilusión.
O meu brasón son estrelas
marelas
no campo roxo do meu corazón.

Miña canzón, miña dôr latexante
é volvoreta do lume brilante
da outa fogueira da Malenconía;
das acedumes da vida trunfante
miña dôr canta i-eu deixoa que cante
porque sei ben ha finar algún día.

Nós, número 61, 15 de xaneiro de 1929

***************************************

CANÇÓN DAS LAVANDEIRAS

Pousados nas cordas os paniños
movían as áas.
Eran un sô pano que ô longo da
corda voaba
como as ondas do mare son unha
soa onda que avança.
A dúo co regato as lavandeiras
cantaban,
ô bater a roupa na pedra pingas
saloucaban
e a cançón das lavandeiras
de auga se mollaba
i era como auga fresca, e pura, e crara.
A mañá estaba chea toda de
inxelezas de infanza;
ofercía o seu corpo ô home como
unha muller namorada.
O lonxano estaba preto, o ceo
coa man se acadaba.
-En cada corda unha pomba
equilibrista avançaba-.

N-un lecer do trafego, as
lavandeiras, caladas.
N-a iauga do regato a súa cançón
afogara.
Pra pescala, eu tendín esta lírica
cana.

En nota: Do libro VIEIROS que será pubricado axiña pol-a EDITORIAL NÓS.

Nós número 76, 15 de abril de 1930

Rosalía, Curros e Juan Ramón

Un periodista madrileño, violando a morada de silencio do andaluz universal, obtivo de Juan Ramón Jiménez unhas decraracións encol de poesía. Non hai cousa como falar de poesía, excrama gaiosamente o gran poeta; e vai respondendo ás preguntas do seu interlocutor ou ás que interiormente il mesmo se formula. Do dito intrésannos dúas cousas. Unha ista: Juan Ramón Jiménez, na súa mocedade, léeu a Rosalía e a Curros, que figuraban na biblioteca de un señor de Moguer, vello repubricán. E ademais de leelos exrecitouse en traducilos. Algunhas de estas traducións pubricaronse nun periodico de Huelva. De sorte que, Juan Ramón Jiménez traductor de Curros e Rosalía. ¡Que curioso non sería coñecer istas traducións!

A outra cousa que nos interesa é a afirmación segundo a cal Rubén Darío sofriu o influxo de Rosalía, que inxustamente esquecida -dos casteláns- revive no cantor americán. Ista decraración é verdadeiramente sensacional. Un non reparou endexamais en semellante cousa nin nada parello. Habería que probalo. Qué curioso sería ouvir razoar ista tesis do gran poeta andaluz que vencella inopinadamente a nosa grande lírica co grande lírico ultramariño.

RCC, Nós, número 136, de 15 de abril de 1935

Neste 30 de outubro de 2020 Nós Diario irá acompañado dunha reprodución facsimilar do número 1 de Nós.

comentarios