O 30 de outubro, coincidindo co centenario

'Nós Diario' agasalla un facsímile do primeiro número da revista 'Nós'

O próximo 30 de outubro, cando se fan os cen anos da publicación de Nós. Boletín mensual da cultura, acompañará Nós Diario unha edición facsímile do primeiro número completo, coas súas 30 páxinas, e mais cun debuxo a cor de Castelao. Trátase dun agasallo que recupera un dos principais símbolos do labor da xeración das Irmandades da Fala.
9M3A1786-1c baixa
photo_camera Primeiras páxinas do boletín 'Nós'. / Nós Diario

A vindeira sexta feira do 30 de outubro, Nós Diario conmemora o centenario da publicación da revista Nós coa edición dun facsímile dese primeiro número. A data cadra, exactamente, coa saída do prelo do primeiro exemplar da revista en 1920, que sumou 144 números máis até a súa cancelación por mor do golpe de estado de 1936. 

As subscritoras e os subscritores do diario recibirán de balde a reprodución de Nós. Boletín mensual da cultura. Este facsímile, a igual tamaño que a revista orixinal, conterá as 30 páxinas coas que contaba aquel primeiro número e mais un debuxo a cor de Alfonso Daniel R. Castelao, que se entregaba fóra de texto. Ademais, vai incluír dúas páxinas cos agradecementos e un breve texto informativo sobre o boletín.

O fascímile inclúe un debuxo a cor de Alfonso Daniel R. Castelao

O número que se vai entregar con este diario o día 30 ábrese co editorial "Primeiras verbas", onde se festexa a saída da revista e se destaca que a edición deste primeiro número resulta “da ansia da Galiza por vivir de novo, de volver ao seu ser verdadeiro e inmortal”. Os autores do boletín asinan “temos unha fe cega, absoluta, inquebrantábel no xenio da nosa raza e mais na eficacia do noso esforzo para levala ao cumprimento do seu fado glorioso”.

Nesta primeira entrega de 1920, Vicente Risco asina un artigo titulado "O sentimento da  terra na raza galega"; Florentino L. Cuevillas escribe sobre "Os nosos tempos"; e Arturo Noguerol elabora un estudo arredor de "O problema do traballo na Galiza". Pero alén destes textos, máis cinguidos á realidade do momento, a revista Nós recolle un poema de Teixeira de Pascoaes, "As letras galegas en Francia" ou unha serie de termos reunidos baixo o título "Archivo filolóxico e etnográfico". 

Xa agora, e en cada un dos seguintes números, Nós. Boletín mensual da cultura féchase coa sección "Os homes, os feitos, as verbas" onde se explique quen é quen entre os autores que escriben no número en cuestión.

A revista, xurdida no seo da Xeración do 16, a das Irmandades da Fala, dirixiuna até o último número o autor Vicente Risco e durante eses 16 anos imprimiuse en Ourense, Pontevedra, A Coruña e Santiago, mudanzas provocadas polas dificultades económicas. O propio Ánxel Casal porase á fronte da edición ao pouco da súa saída. 

A revista, xurdida no seo da Xeración do 16, a das Irmandades da Fala, dirixiuna até o último número o autor Vicente Risco

A dignificación da lingua galega, a divulgación da cultura propia e a investigación en ámbitos como a arqueoloxía ou a etnografía, entre outras cuestións, foron algunhas das chaves deste boletín mensual, que tamén traballou no estudo do vínculo da Galiza con países como Irlanda ou a Bretaña. 

Desde o Grupo Nós e desde esta revista, fíxose unha esforzo por achegar á Galiza, e en galego, os movementos artísticos que se desenvolvían no resto de Europa e tamén se deron pasos importantes na tradución de obras literarias de importancia universal, como foi o caso do Ulises de James Joyce.  

No cincuenta aniversario da revista (1970), a Real Academia Galega publicou na mesma data o número 145, que correspondería terse editado en 1936. Nese exemplar de conmemoración de 1970 colaboraron algúns dos intelectuais que nas décadas de 1920 e de 1930 participaron cos seus artigos na revista. 

Dezaseis anos marcados por Primo de Rivera e o golpe de estado do 36

O 30 de outubro de 1920 saía este primeiro número da revista Nós, un boletín que comezou a imprimirse en Ourense e que rematou de facelo en Compostela en 1936. 

O final chegou por mor do golpe de estado

As dificultades económicas levaron a cambiar o lugar da imprenta de Ourense a Pontevedra, pero a instauración da ditadura de Primo de Rivera (1923), interrompeu a publicación da revista até o ano 1925. 

Desde entón, o equipo do boletín Nós conseguiu publicar anualmente un mínimo de 12 números, nalgúns anos incluso máis, de maneira ininterrompida até o ano 1933. 

O final chegou por mor do golpe de estado contra a II República e a posterior ditadura franquista. Pouco antes da citada sublevación militar, saía do prelo o número 139-144.

A reprodución do facsímile faise a partir dun exemplar depositado no Museo do Pobo Galego (Fondo Manuel Beiras) 

Comentarios