O movemento memorialista reclama unha lei que poña fin á impunidade

O movemento memorialista está a expectativa diante da Lei de memoria democrática a debate no Congreso dos Deputados. Malia que a totalidades das entidades que desenvolven o seu traballo neste ámbito considérana un avance fronte á lexislación vixente, os diversos colectivos reclaman a súa modificación na fase de tramitación parlamentaria. Poren, os partidos do Goberno español néganse a introducir mudanzas no proxecto.
No mes de xullo, a Illa de San Simón, na ría de Vigo, acolle unha homenaxe ás vítimas do franquismo. Na imaxe, o acto da última edición. (Foto: IGM)
photo_camera No mes de xullo, a Illa de San Simón, na ría de Vigo, acolle unha homenaxe ás vítimas do franquismo. Na imaxe, o acto da última edición. (Foto: IGM)

Miguel Angel Gómez , 'Gus', é un dos voceiros na Galiza da Coordinadora estatal de apoio á querela Arxentina (Ceaqua). Na súa opinión, a norma “contén unha serie de melloras importantes en relación coa situación legal anterior, como non podía ser doutra forma, dado o pouco desenvolvemento da Lei de memoria vixente e a loita e insistencia das organizacións memorialistas”. Porén, observa con preocupación que “o proxecto resultante segue asentándose nos piares fundamentais que conforman o réxime de impunidade para cos crimes do franquismo que vimos arrastrando desde hai xa 45 anos”.

Dereito á xustiza

Gómez, en declaracións a Nós Diario, considera que “no referido ao dereito á xustiza os déficits son maiores, pois se seguen fechando as portas dos tribunais do Estado ás esixencias expostas polas vítimas dos crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo”. Neste punto, advirte que “a Lei de amnistía de 1977 non se anula nin derroga e o dereito internacional referido a esta materia segue sen ser recoñecido, o que nos fai temer que non se garanta o dereito á tutela xudicial efectiva das persoas que sufriron graves violacións puníbeis de dereitos humanos durante a ditadura e a Transición”.

Ceaqua vén de dirixirse aos grupos parlamentarios co obxectivo de “reverter o modelo de impunidade actual”. “En caso contrario”, continúa Gómez, “unha vez máis, deixarase no máis absoluto desamparo xudicial ás vítimas do franquismo, aos seus familiares e ao conxunto da sociedade, reforzando a negación de dereitos fundamentais que tan severamente foi censurada desde instancias internacionais, basicamente, desde o Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas”.

A escritora e investigadora Montse Fajardo coincide con Gómez á hora de recoñecer os avances do proxecto de Lei de memoria democrática. “Hai pasos adiante”, afirma Fajardo a Nós Diario, “pero mentres non se derrogue a Lei de amnistía, existe a coartada perfecta para non facer xustiza”.
A este respecto, entende que “con esta norma en vigor, ben por decisión gobernamental ben por non asunción da legalidade internacional que declara como non prescritos os crimes de lesa humanidade, resulta imposíbel reparar aquelas persoas que foron condenadas polo réxime franquista”.

Fajardo pon o foco na represión económica. “O proxecto lexislativo non contempla ningunha vía para reparar a aquelas persoas que padeceron a represión económica ou viron que os seus bens foron espoliados pola ditadura”, explica Fajardo, que lembra que “aquí estamos falando do acontecido co Pazo de Meirás en Sada ou coa Casa de Cornide na Coruña, ambos propiedade da familia Franco, pero tamén de centos de bens en todo o país ou mesmo das coñecidas como fortunas de guerra”.

Exixen que a lei permita investigar os crimes

Xoán Carlos Garrido é o responsábel de Iniciativa Galega pola Memoria (IGM). O colectivo, que agrupa ao groso das entidades memorialistas con actividade na Galiza, recoñece “os pasos adiante recollidos no proxecto lexislativo” pero pide “máis ambición ás formacións parlamentarias” para  que responda “as expectativas do movemento da memoria”.

Garrido significa a Nós Diario que “é fundamental que a lei permita investigar os crimes do franquismo e poder xulgalos para rematar coa impunidade”. Precísanse tamén, di Garrido, "garantías de non repetición dos feitos”, ao tempo que urxe “a tomar medidas contra o fascismo, o negacionismo e a exaltación do réxime franquista”. Reclama “vontade política e instrumentos legais para facer cumprir a lexislación nesta materia” e “garantir nos arquivos a prevalencia do dereito á verdade fronte ao dereito á intimidade”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios