'As guerrillas galegas ao descuberto'

David Simón: “Máis de 250 médicos galegos foron represaliados polo franquismo”

David Simón-Lorda (Zaragoza, 1963) e doutor en Medicina pola Universidade de Santiago e exerce como  psiquiatra en Ourense. Membro da directiva da asociación “Amigos da República” e autor dunha extensa bibliografía sobre a historia da medicina e da represión dos sanitarios polo ditadura. Neste terza feira en Nós Diario publica un traballado sobre a colaboración dos sanitarios coa guerrilla antifranquista.

 

Davis Simón.(Foto: Nós Diario)
photo_camera David Simón.(Foto: Nós Diario)

Sinala no seu artigo que moitos dos sanitarios que posteriormente colaboraron coa guerrilla foran anteriormente represaliados pola ditadura, cal foi o alcance da represión contra médicos practicantes en 1936?

A represión levada contra os médicos galegos durante a Guerra Civil e a posguerra alcanzou a máis de 250 médicos en diferentes modalidades represivas, desde a morte, cárcere, exilio, multas, desterros, imposibilidade para exercer profesionalmente, incautacións de bens e material sanitario. É un número significativo tendo en conta os profesionais traballando naqueles anos. Foron médicos no só das zonas rurais senón tamén cirurxiáns, xinecólogos, oftalmólogos con gabinetes e sanatorios en vilas e cidades da Galiza. Moitos deles estiveran ou estaban en postos directivos da rede hospitalaria e sanitaria ligadas as beneficencias provinciais , ou eran profesores na Universidade de Santiago.

Teño investigado moito na provincia de Ourense, pero estou seguro de que aparecerían mais nomes no resto das provincias se estudasen datos nos arquivos dos colexios de médicos xunto cos que figuran nos expedientes do Tribunal de Responsabilidades Políticas. O mesmo  está por facer no caso dos practicantes, enfermeiras, matronas, odontólogos así como nos farmacéuticos. Aínda hai moitas lagoas  neses campos.

"A militancia e o activismo político dos médicos e sanitarios galegos foi importante nos anos da II República"

A axuda a “Foucellas” levou ao procesamento e detención de varios médicos, podíanos explicar ese episodio?

O guerrilleiro “Foucellas” feriuse de forma accidental cun arma de fogo en 1945, e tivo que recorrer á axuda médica. Era un proceso asistencial médico no que había a obriga de informar as autoridades, cousa que non se fixo, e que vai levar ao ingreso hospitalario de “Foucellas”, probas, operacións, semanas de recuperación agochado na Coruña. Todo un recorrido clandestino de coidados sanitarios longo e complexo do que se ten coñecemento en parte grazas ao que se ten publicado e investigado sobre Foucellas. Estiveron implicados no mesmo tanto médicos rurais da comarca de arredores de Santiago (Ordes, Tordoia) como médicos e persoal sanitario de sanatorios médico-cirúrxicos privados e de prestixio tanto en Santiago como na cidade da Coruña. Demostra toda unha rede de apoio a “Foucellas”, e tamén a outros que foron axudados neste entorno. Os médicos que interveñen no proceso tiñan un perfil de profesionais liberais, algúns deles xa represaliados previamente, mais algún deles era máis situábel nas dereitas caciquís rurais. Todo este episodio foi investigado pola policía e a Garda Civil, e varios dos doutores acabaron detidos, xulgados e na cadea.

Un dos sucesos máis significados da represión contra os sanitarios por apoiar á guerrilla foi o asasinato por unha  contrapartida da Garda Civil do médico do Val das Fornelas, no Bierzo,  Lodario Gavela Yáñez, pero quen foi realmente Lodario?

Para min o caso de Lodario Gavela é importante pois foi o primeiro caso que coñecín sobre a vinculación dos médicos e a guerrilla antifranquista. Foi  no famoso libro de Hartmut Heine sobre a guerrilla antifranquista na Galiza . O doutor Gavela foi eliminado por una contrapartida da Garda Civil nunha emboscada no monte en 1947 no val de Fornela, ao norte do Bierzo xa na linde con Asturias. Era unha comarca brutalmente represaliada xa desde o fin da guerra porque, como todo O Bierzo, foi unha zona de moita actividade guerrilleira, cunha  poboación que axudaba e protexía á guerrilla.

Moitas familias de guerrilleiros e fuxidos do val de Fornela foron encerradas durante meses e meses no campo de concentración de Arnao en Castropol nos anos 40 para tratar de cortar o apoio á guerrilla.  No libro-novela de Alejandro Álvarez móstrase como foi a vida e obra deste médico Gavela, falecido aos 31 anos e como a súa figura e recordo sobreviviu na zona  pola súa implicación no seu traballo profesional, o seu apoio aos pobres e a súa protección aos fuxidos que loitaron contra a ditadura nos anos corenta.

Un dos médicos cuxo nome está asociado á guerrilla galega foi o doutor Bartrina Villanueva, que nos pode dicir del?

O médico urólogo valenciano José Bartrina Villanueva chega a Galiza tras pasar polo cárcere en Valencia pola súa militancia comunista e pertenza á sanidade do exército republicano. A súa actividade na Galiza  penso que foi mais no ámbito do activismo político do PCE e integrado directamente na guerrilla, sen exercer profesionalmente na Galiza como médico, mais non coñezo polo miúdo súa traxectoria neste tempo.  En setembro de 1947 foi enviado polo PCE a Galiza e foi detido no ano seguinte. Foi procesado no mesmo consello de guerra no que se condenou a morte aos guerrilleiros José Gayoso e Antonio Seoane mais Bartrina foi condenado a cadea perpetua,  morrendo no cárcere en 1956 aos 50 anos.

"Os médicos mais significados na II República en partidos de esquerdas ou vinculados ao Fronte Popular ao termo da guerra civil estaban mortos"

A maiores da súa colaboración coa resistencia armada, hai constancia da participación de médicos e practicantes na oposición a ditadura dentro de partidos políticos ou plataformas, que significaría disto?

A militancia e o activismo político dos médicos e sanitarios galegos foi importante nos anos da II República, sendo expresión da complexa dinámica social e da posibilidade da súa manifestación que a República facilitou no seu día. Abarcou todo o espectro político do momento, se ben predominou a dereita conservadora e católica, pero houbo moitos médicos no republicanismo do centro ou centro-esquerda, e xa menos no campo dos socialistas, galeguistas, comunistas ou anarquistas. Tras a represión levada a cabo pola ditadura, continuou existindo na posguerra certa participación na oposición á ditadura, pero xa foi moi minoritaria  ou moi agachada. Recordemos que pese a que non foi un sector profesional tan castigado na represión como o de mestres, os médicos mais significados na República en partidos de esquerdas ou vinculados ao Fronte Popular, ao termo da guerra civil estaban mortos, encarcerados ou no exilio.

Ademais na posguerra houbo un importante control da profesión a través das comisións de depuracións nos colexios de médicos, que tiñan directivas nomeadas baixo control gobernativo entre profesionais afectos ao réxime franquista. Houbo sanitarios que actuaron de modo individual e clandestino na resistencia antifranquista sen ter ningunha vinculación ou militancia partidaria, e moitas veces sen sabelo nin a súa familia. A modo de exemplo todo o que  ten relatado Suso de Toro na súa magnífica novela-biografía sobre o médico compostelán Ramón Baltar.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios