Máis de 650 persoas fuxiron por mar da Galiza entre os anos 1936 e 1946

O Consello da Cultura Galega acolleu na tarde de onte unha sesión de debate sobre a realidade social e política no mundo do mar no período republicano e no primeiro franquismo. Unha historia de traballo duro, loita sen concesións, conflitividade e represión sen tregua tras o golpe franquista  de 1936.

Bou Ramó
photo_camera Demócratas galegos fuxidos en 1939 no bou Ramón desde o porto de Ares tras a súa chegada a Francia. (Foto: Eliseo Fernández)

As xornadas promovidas polo Consello da Cultura Galega, baixo o título de Memoria e historia do traballo no mar na Galiza, 1931-1939. República, asociacionismo mariñeiro e represión franquista, acolleron algúns dos máximos expertos na materia. O encontro, organizado polo membro da sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución Francisco Xavier Redondo Abal, afondou na importancia do asociacionismo mariñeiro na Galiza nas primeiras décadas do século XX, especialmente durante a Segunda República.

As sesións permitiron reflexionar sobre a realidade da loita de clases no mar, as conexións entre política institucional e sindicalismo e o novo marco represivo após xullo de 1936. A este respecto, os organizadores significaron que "o auxe do asociacionismo mariñeiro xurdiu da loita contra os tradicionais pósitos de pescadores, cuxas iniciativas conciliadoras, paternalistas e interclasistas sempre foron rexeitadas polos novos protagonistas, agora encadrados en potentes sindicatos de clase"

As palestras, presentadas pola profesora titular de Historia de América na USC, Pilar Cagiao, correron a cargo de recoñecidos especialistas no tema. Así, Emilio Grandío falou sobre as reaccións ante os cambios político-sociais na II República  na Galiza; Bernardo Máiz reflexionou arredor da lexislación naval militar; Eliseo Fernández analizou as evasións por vía marítima baixo a ditadura, e Dionisio Pereira achegouse ao asociacionismo mariñeiro entre 1931 e 1936.

A loita de clases

Precisamente Dionisio Pereira, que leva décadas investigando a conflitividade e o asociacionismo no mundo do mar, sinalou que "o proceso conflitivo de cambio tamén veu acompañado dunha eclosión do asociacionismo no sector, representativo das diversas capas do colectivo mariñeiro, cada vez máis conscientes dos seus intereses e organizadas para a súa defensa, un proceso que acada o seu cénit na II República, período no que o antagonismo de clases no mar agudízase e amosa a súa faciana máis conflitiva".

 Pereira indicou que "no eido do societarismo de clase no mar, durante a II República a CNT foi, xa que logo, amplamente hexemónica, malia que a UGT continuou dominando nalgúns portos como Redondela, Muros, Fisterra, Muxía, Redes, Illa de Arousa, ou consolidando importantes minorías nalgúns sindicatos confederais, por exemplo en Cangas ou Marín, nos que o PCE contou cunha importante influencia".

O historiador coruñés destacou que "no intre do golpe militar, o asociacionismo mariñeiro de clase maiormente agrupado na CRG-CNT, era unha forza social de primeira magnitude nas cidades e vilas costeiras galegas, que só puido ser destruída mediante a represión exercida polo réxime franquista, que a substituíu polo modelo tutelado, corporativo e autoritario representado, daquela, polas Confrarías de Pescadores".

As evasións marítimas

Eliseo Fernández volveu nas xornadas desenvolvidas no Consello da Cultura Galega sobre un tema que vén traballando desde hai moitos anos. Así, en relación coa rede de evasións marítimas durante a ditadura lembrou  que "para as persoas perseguidas, o mar significou unha porta entreaberta para zafar da represión, e a forte implantación do sindicalismo mariñeiro favoreceu as saídas por vía marítima".

Fernández significou que "as fuxidas producíronse durante todo o período da Guerra Civil e mesmo algunhas tiveron lugar despois, chegando a guerrilla a utilizar unha saída por vía maítima desde Vicedo en 1946". Neste sentido, cifrou os operativos en "70 fuxidas que orixinaron a saída de máis de 650 persoas".

O investigador ferrolán explicou que "as fuxidas tiveron lugar desde portos de toda a costa galega, aínda que cumpre destacar o porto da Coruña, onde tiveron lugar máis dunha ducia de fuxidas".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios