Manuel Monge: “Queremos que o nome de Manuel Fraga apareza na querela arxentina contra os crimes do franquismo”

Preséntase como causa particular na querela que se está a seguir na Arxentina contra os crimes do franquismo pola súa dupla condición de vítima e familiar de represaliados. Manuel Monge, ex-presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, entidade que tamén se persona na causa, manifesta a vontade de que se faga xustiza e que remate o pacto de silencio que borrou os culpábeis da represión franquista.

Manuel Monge
photo_camera Manuel Monge

-Preséntase como particular na querela arxentina contra os crimes do franquismo polo asasinato de catro familiares. Por que decide presentarse como causa no xuízo?

Na querela existe a posibilidade de presentarse como represaliado ou por ter familiares de represaliados. No meu caso danse as dúas circunstancias e asisto como vítima e familiar. Como vítima da represión, no informe conto como en 1968 estiven mes e medio no cárcere de Bilbao, onde coincidín con Nicolás Redondo ou Ibarrola ao ser detido por levar unha pomba da paz de Picasso. No 1973 militaba na ORT e estiven dous meses no cárcere. Entón recibín unha carta do colexio Tirso de Molina de Ferrol, dos padres Mercedarios, anunciándome que me despedían por reiteradas ausencias. No 74 incorporeime como profesor interino do Ministerio e tanto eu como a miña muller quedamos despedidos por orde gobernativa, sen nos poder incorporar até o 79. Cando foron as primeiras eleccións, a ORT non estaba legalizada e puxemos unha mesa informativa dous meses antes de se celebraren e veu a policía e detívonos co cal estivemos toda a noite presos. Estou a falar de dous meses antes das primeiras eleccións.

"Na miña familia mataron a dous tíos, un de 36 anos e outro de 22 e tamén a unha tía de miña nai de 66"

-En canto a súa familia en Dueñas?

A represión foi brutal. Era unha vila de 3.800 habitantes na que 100 foron asasinados. Eu tiña un tío concelleiro de Unión Republicana, que era tenente alcalde. Cando se produce o levantamento fascista metérono no cárcere e unha noite sacárono e matárono nunha gabia. Dueñas, en Palencia, foi a poboación de todo o Estado na que houbo máis asasinatos por represión porcentualmente, cun 25 % de mulleres. Na miña familia mataron a dous tíos, un de 36 anos e outro de 22 e tamén a unha tía de miña nai de 66. Viñeron a súa casa preguntar polo fillo e como non o toparon matárona a ela. Incorporo tamén no informe a historia dos fillos dos asasinados que os metían no comedor levado por Auxilio social e facían que os rapaces cantaran o Cara ao Sol e escribiran unha carta de agradecemento aos mesmos que mataran aos seus pais.

-Que significa que sexa na Arxentina onde se xulgan os delitos da represión franquista?

Unha vergoña de Estado que transcende o noso propio ámbito. Ningún país democrático estivo nesta situación. A xustiza internacional permitiu a Garzón coller a Pinochet ou levar a xulgar aos militares da ditadura arxentina. Cando ao xuíz Garzón se lle ocorre investigar os crimes franquistas paráronlle os pés. O Estado español é un refuxio de criminais. Independentemente do que ocorra co proceso, o realmente relevante é a situación insólita que se está a dar de non colaborar coa xustiza, apoiándose nunha lei de amnistía que está a ser mal aplicada. Eu puiden recobrar o traballo pola aplicación da lei mais non se pode utilizar para amnistiar criminais. No mes de setembro un comisionado da ONU estivo de visita durante dous meses e ao cabo enviou un escrito ao goberno español dicíndolle que tiña que derrogar a Lei de Amnistía. Cando reclaman desde a Arxentina a dúas persoas, fiscalía responde que van investigar aquí. O problema é que se envían aos dous que reclaman, que cometeron barbaridades comprobadas, ábrese a veda e a xuíza xa anunciou que ten datos para encausar a máis persoas, e pode que se estenda aos ministros. Na actualidade viven once ministros que teñen entre 80 e 90 anos. Como membros de órganos como o Consellos de ministros poden ser chamados na causa.

"O Estado español é un refuxio de criminais, é unha situación insólita a de non colaborar coa xustiza apoiándose na Lei de amnistía"

-Que suporía unha condena dos responsábeis vivos?

Sería un acto de xustiza, tamén un acto de reparación ás vítimas do franquismo. A xente e os colectivos que están a reivindicar a memoria reclaman coñecer a verdade, que se faga xustiza e que se reparen os danos. A condena dos responsábeis sería un acto de reparación coas vítimas. Garzón dixo que había entre 130.000 e 150.000 que aínda están desaparecidos. Cando se fala destas desaparicións forzosas en Arxentina fálanse de 20.000 e aquí estamos a dar unha cifra de 150.000. Resulta incríbel que unha represión desta dimensión quede só nas entidades de recuperación da memoria. Houbo tamén 30.000 nenos desaparecidos roubados. Onde se viu que un estado non interveña para buscar o que pasou con trinta mil nenos roubados. Por iso nos mostramos tan esperanzados con que a xustiza arxentina inicie este proceso aínda que o noso obxectivo sería que se xulgaran aquí. Responde ao pacto da transición que foi un de silencio, e supuña que non había que tocar a Fraga, a Martín Villa e demais persoa significadas na ditadura e a represión. O PP e o PSOE son protagonistas dun pacto para non facilitar que se fixese xustiza, un pacto que aínda hoxe se mantén.

-A CRMHC remitiulle á xuíza arxentina documentación sobre a represión máis a relación de ministros franquistas vivos. Cre que teñen que comparecer na querela?

Nós entendemos que a lei non pode supor unha lei de punto final. Imos apoiar as teses dos organismos internacionais e da propia ONU que está de parte das vítimas. En canto ás posibilidades de que os ministros sexan xulgados, a tal altura a xuíza ten material abondo de todo o que fixeron e das decisións que tomaron nos Consellos.

-Por que aportan tanta documentación de Manuel Fraga se xa non vai poder ser acusado no xuízo?

Dedicámoslle un anexo na que contamos toda a súa participación na represión. Relatamos desde o asasinato de Grimau ao exilio do abade de Montserrat que tivo que marchar despois de escribir un artigo en Le Monde contra o réxime franquista. Imos contando o que significou a súa Lei de Prensa e como foi a súa actuación como ministro do réxime e o inaudito que foi que un ministro de propaganda do franquismo chegara a presidente da Xunta. Falamos tamén da súa campaña contra o galego desde o ministerio con casos como a multa a Francisco Pillado, subdirector de 'La Voz de Galicia', pola publicación nese xornal do artigo Sobre el idioma gallego, de Augusto Assía, ou o secuestro do libro de Alberto Míguez El pensamiento político de Castelao. Pasado o tempo, el mesmo foi o encargado de entregar as medallas Castelao. Cando hai unha causa nela poden aparecer moitas persoas. Nesta a xuíza pediu a extradición de catro e na contestación que recibiu constatábase que dúas delas non poderían acudir porque estaban mortas. Nós queremos que Manuel Fraga apareza aínda que logo se diga que morreu, mais queremos que o seu nome estea na causa.

"O PP está a mimar moito os votos da extrema dereita, non queren perder eses apoios"

-Como valora que o PP votase en contra da iniciativa do BNG para que apoiase a querela?

Continúa coa política dos últimos anos. Hai máis de catro anos que se aprobou a eliminación de rúas franquistas e o goberno do PP negouse a retirar os seus nomes. Aínda perduran “División Azul”, “Rúa dos Caídos”, “General Mola” ou “General Sanjurjo”. A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña levou o tema aos xulgados porque é gravísimo que non execute un acordo plenario. O alcalde Negreira chegou a chamar a Millán Astray “coruñés de pro”, e negábase a retirarlle os recoñecementos. Están a mimar moito os votos da extrema dereita. Antes presentábanse ás eleccións na Coruña candidaturas de extrema dereita que agora xa non existen. Está todo o voto centralizado no PP e non queren perder eses apoios. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios