CRMH da Coruña súmase á querela arxentina contra os crimes do franquismo

A Comisión para a Recuperación da Memoria da Coruña achégalle á xuíza instrutora un extenso informe de 25 páxinas con información sobre os ministros da ditadura aínda vivos a quen se lles acusa de delitos contra a humanidade. 

Tamén así a documentación, que será presentada esta sexta feira perante o consulado arxentino, detalla información sobre as vítimas do franquismo producidas entre xaneiro de 1969 e outubro de 1981. Aliás, desde a CRMH enviarán á xuíza María Servini un exemplar da obra  “A represión franquista na comarca da Coruña”, promovida pola propia Comisión na que se detallan a biografía de 600 persoas asasinadas polo franquismo na comarca da Coruña. Unha escolma das 5.000 que foron fusiladas e paseadas na Galiza.  

Estes dados acompáñanse da relación de ministros franquistas que aínda continúan vivos e que son acusados de delitos contra a humanidade pola súa participación na represión. Desde a Comisión de Recuperación da Memoria Histórica da Coruña lembran que este tipo de delitos "non prescriben" e, polo tanto, "non deben quedar impunes". 

José María López de Letona y Núñez del Pino, de 90 anos, ministro de Industria 1969-1974.

Licinio de la Fuente de la Fuente, de 89 anos, ministro de Traballo entre 1969 y 1975.

Alberto Monreal Luque, de 86 anos, ministro de Facenda 1969-1973.

José María Gamazo Manglano, de 82 anos, subsecretario da Presidencia 1973-1974.

Antonio Barrera de Irimo, de 84 anos, ministro de Facenda 1973-1974.

Fernando Liñán y Zofio, de 82 anos, ministro de Información e Turismo 1973-1974.

Antonio Carro Martínez, de 89 anos, ministro de Presidencia 1974-1975

Fernando Suárez González, de 79 anos, ministro de Traballo de marzo a decembro de 1975.

José María Sánchez-Ventura Pascual, de 90 anos, ministro de Xusticia de marzo a decembro de 1975.

José Utrera Molina, de 86 anos, ministro de Vivenda 1973-1974.

Rodolfo Martín Villa, de 79 anos, ministro de Gobernación de xullo de 1976 até abril de 1979.

Exixen que Fraga sexa incorporado á causa 

A respeito de Manuel Fraga, ministro de Información e Turismo (1962-1969) e ministro de Gobernación (1975-1976), a CRMH sinala que pola "súa participación na represión como ministro de Franco" debería "tomar parte da causa" se ben, " lamentabelmente, non poderá comparecer". 

Neste senso, a denuncia presentada pola Comisión para a Recuperación da Memoria inclúe unha extensa documentación sobre Fraga --ao que no círculo falanxista coñecían como "Camarada Fraga".

Entre as páxinas dedicadas a quen posteriormente sería por máis dunha década presidente da Xunta de Galiza, a CRMH detalla algunhas opinións "pouco divulgadas" que del expresaron xornalistas e persoas da cultura como J.M. Caballero Bonald, escritor e premio Cervantes 2012, o poeta Carlos Álvares ou Carlos Tena, xornalista quen escribiu de Manuel Fraga: "fue un político verdaderamente enamorado de la dictadura franquista y sus leyes. Intolerante, presuntuoso, censor, autoritario, inculto, tozudo como una mula, ultraderechista, religioso en el peor sentido del término y, en suma, un espécimen digno de figurar en el zoológico dedicado a los personajes más despreciables de cuantos pasaron por los gobiernos del general asesino. Estaba satisfecho con esta “democracia“ y no es de extrañar. Como funcionario de RTVE durante muchos años, fui testigo de las medidas que desarrolló en sus tiempos de ministro de Información y Turismo (1962-1969), tan “liberalizadoras“ como vetar y denunciar a cantantes y periodistas, prohibir canciones y portadas de discos, suspender programas de radio y TV, someter al ostracismo a profesionales, nombrar para altos cargos a falangistas y franquistas fieles al régimen". (sic). 

Manuel Monge presentarase como acusación particular

O que foi presidente da CRMH da Coruña e recoñecido historiador sumarase á querela como particular como vítima da represión e polo asasinato de 4 familiares seus en Dueñas (Palencia) durante a ditadura. 

Comentarios