O PP négase de novo a condenar o franquismo

Máis unha vez o PP mostrou a súa negativa a condenar o franquismo. Desta volta aconteceu co rexeitamento da moción do BNG presentada no Concello da Coruña que buscaba que o organismo apoiara a querela arxentina contra os crimes do franquismo. 

.
photo_camera .

Para o BNG, o PP está poñéndose “de lado dos verdugos”, ao botar abaixo a moción que buscaba a adhesión do Concello da Coruña á querela arxentina contra os crimes do franquismo ao tempo que demandaba a condena da sublevación fascista e a ditadura posterior. 

A moción que os nacionalistas levaron a pleno reclamaba tamén a derrogación da Lei de amnistía de 1977 para que os crimes do franquismo se puidesen xulgar no Estado español. Esixía tamén que o goberno municipal adoptase as medidas que garantisen o dereito a coñecer a verdade ás persoas represaliadas pola rebelión militar e o réxime franquista. 

 O BNG lembra que Negreira definira a Millán Astray como “coruñés de pro” e que xa se opuxera en varias ocasións a iniciativas que buscaban recuperar a memoria histórica como, poñen por caso, cando en setembro de 2011 trasladaran a pleno, a instancias da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, unha iniciativa para condenar a ditadura e retirar honras aos fascistas e simboloxía franquista das rúas da cidade. Con respecto a Millán Astray, o BNG lembra que o alcalde se negou a recorrer a sentenza que obrigaba a devolverlle o título de fillo predilecto e ocultou intencionadamente a resolución que confirmaba a legalidade da actuación de retirarlle honras e distincións.

Comentarios