A UPG organiza este sábado unha homenaxe nacional a Bautista Álvarez

O acto comezará contra as 18 horas no Auditorio da Galiza, en Compostela.
Bautista Álvarez, histórico dirixente da UPG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Bautista Álvarez, histórico dirixente da UPG. (Foto: Nós Diario)

A Unión do Povo Galego (UPG) renderá homenaxe este sábado, en Compostela, ao histórico dirixente Bautista Álvarez, unha "figura fundamental para o nacionalismo galego e para o partido", coincidindo co quinto aniversario do seu pasamento.

O acto decorrerá, a partir das 18 horas, no Auditorio da Galiza, e a el están convocados o conxunto da militancia da formación e máis "todas as persoas e simpatizantes" que queiran participar desta homenaxe a un home "irrepetíbel e fundamental na construción da Galiza actual".

Desde a UPG organizan este evento "desde a certeza de que quen dedica a vida a unha causa xusta non morre nunca, pois a súa memoria perdura no corazón do pobo". Unha persoa, precisan, "que entregou a súa vida á causa da liberación nacional e social do pobo galego", unha meta que perseguiu "con lucidez, determinación e coherencia até o final".

Durante a xornada farase unha lembranza histórico-política da traxectoria de Álvarez, a través das "distintas etapas" da súa vida, "pondo en destaque a importancia da súa figura na construción e reforzamento do partido e do conxunto do movemento nacionalista, así como tamén o seu papel fundamental na elaboración teórica e conceptual do nacionalismo galego contemporáneo".

"Bautista permanece entre nós e a súa lembranza convócanos a este acto que non é mero ritual, pois á beira da inevitábel e necesaria dimensión humana que se nutre de momentos partillados, de amizade, de camaradaxe, ten unha profunda carga política", engade a forza nacionalista.

A contribución de Bautista Álvarez á "causa da liberdade do pobo e da patria", salientan, "non expirou co seu alento derradeiro, senón que continúa alimentando e fertilizando a nosa loita pola independencia nacional, por unha Galiza soberana e socialista".

A UPG xa realizou o pasado 16 de setembro unha ofrenda floral a Álvarez no cemiterio de San Cibrao de Las, no concello de San Amaro, día no que se celebrou o seu quinto cabodano.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios