A UPG homenaxea Bautista Álvarez polo quinto cabodano

A Unión Povo Galego realiza esta sexta feira, 16 de setembro, unha ofrenda floral con motivo do quinto aniversario do falecemento de Bautista Álvarez, figura central na historia do nacionalismo galego.

Bautista Álvarez
photo_camera Bautista Álvarez

O acto convocado pola UPG en lembranza de Bautista Álvarez decorrerá ás 19 horas no cemiterio de San Cibrao das Las, no concello de Santo Amaro, localizado na comarca do Carballiño. Unha homenaxe na que intervirán, entre outras persoas César Varela.

Ademais, o partido nacionalista homenaxeará a quen foi o seu presidente o sábado 22 de outubro, ás 18 horas, no Auditorio da Galiza. Será, en palabras da organización, “un acto nacional de lembranza e tributo”.

Unha figura destacada na historia do nacionalismo desde os sesenta

Foi o 16 de setembro de 2017 cando finaba unha das figuras centrais da política galega desde os anos sesenta. Home indispensábel para entender a conformación do movemento nacionalista contemporáneo, ambas as homenaxes convocadas con motivo do seu quinto cabodano pretenden salientar a vixencia do capital ideolóxico de Bautista Álvarez.

Nado na aldea de Loucía, en Santo Amaro, en 1933, ingresara no Seminario de Ourense para estudar Humanidades e Filosofía, estudos que ampliou posteriormente na Universidade Complutense de Madrid. Foi na capital española onde participou na fundación do colectivo Brais Pinto e no impulso do Seminario da Cultura Galega do Clube de Amigos da Unesco.

Represaliado e encarcerado pola súa ideoloxía “separatista marxistizante”, foi peza chave na creación da UPG, onde fixo parte do seu Comité Executivo na clandestinidade. Após a morte do ditador, foi procesado polo Tribunal de Orde Pública debido ao seu activismo político e sufriu torturas nos cuarteis da Garda Civil polos que pasara.

Entre 1975 e 1978, foi presidente da Asociación Cultural de Vigo e en 1981 saíu elixido deputado nas primeiras eleccións ao Parlamento galego en outubro de 1981, mais sería inxustamente expulsado, xunto a Lois Diéguez e Claudio López Garrido, compañeiros na coalición electoral Bloque (AN-PG/UPG)-PSG por se negaren a prestar xuramento á Constitución española de 1978.

En 1982, participou na fundación do BNG, forza política á cal representaría como parlamentario na terceira, cuarta, quinta e sexta lexislaturas. De feito, ocupou os cargos de vicesecretario e vicepresidente na Mesa do Parlamento na cuarta e na quinta lexislaturas.

En 2006 foi distinguido co premio Manuel María á dignidade nacional. Home dunha grande erudición, a súa produción ensaística está publicada pola Fundación Bautista Álvarez, en tres tomos, baixo o título de Obra Escollida e en 2013 publicou en Xerais o libro de relatos Retallos daquela infancia. Un ano despois, na mesma editorial, vía a luz a novela Cuarto minguante.

Comentarios