A homenaxe aos "cinco descoñecidos de Cabreira" estivo marcada polos indicios para identificar estas vítimas da represión

Tras 87 anos, as pistas indican que poderían ser veciños de Moaña, e a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña traballa para que se poida proceder á identificación con métodos científicos.
Homenaxe aos "cinco descoñecidos de Cabreira", este domingo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Homenaxe aos "cinco descoñecidos de Cabreira", este domingo (Foto: Nós Diario).

A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña organizou un acto este domingo para honrar a memoria dos "cinco descoñecidos de Cabreira".

Non se coñecen os seus nomes nin a súa procedencia. Só se sabe que foron asasinados o 18 de outubro de 1936, na zona do Viso, e que despois foron soterrados nunha fosa común no adro da igrexa de Cabreira (Salvaterra).

O acto de homenaxe consistiu na inauguración dun monólito en memoria destas vítimas, instalado a cargo do Concello de Salvaterra, ao lado do cal tamén se plantará unha oliveira. Este é o quinto monumento que a Comisión de Recuperación da Memoria Histórica ergueu para lembrar ás vítimas do franquismo, mais, a diferenza de anteriores ocasión, os nomes das persoas represaliadas non se puideron gravar na pedra.

A intención da Comisión con esta homenaxe, alén do propio simbolismo da mesma, é dar pulo aos esforzos para conseguir identificar a estas persoas e as súas familiares, facer unha exhumación, as probas de ADN, darlles sepultura e dignificar o seu descanso.

Segundo sinalan desde a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, poderían estar moi perto de saber quen son estas cinco persoas, “hai cinco candidatos”, sinalan. “Temos tamén localizados os potenciais familiares”, engaden.

A homenaxe tivo lugar no lugar onde se produciu o asasinato, e foi aberta por Fernando Abreu, profesor en Salvaterra, cunha intervención musical. Antón Lourenzo, membro da Comisión, foi o presentador do acto, e deu paso ao historiador José Ramón Paz Antón, que fixo unha intervención sobre as distintas fosas nas comarcas nas que traballa a Comisión, cunha mención especial á dos "cinco descoñecidos de Cabreira".

A novidade da xornada, e a esperanza, veu a cargo da intervención de Xosé Novas Piñeiro, ex alcalde de Bueu, que comentou os avances na investigación. Tras 87 anos de descoñecemento das cinco represaliadas, hai indicios de que estas persoas poderían proceder de Moaña.

A raíz destas interesantes pistas, Ángel López, veciño de Cabreira e mestre xubilado, resaltou a importancia de continuar loitando por conseguir identificar definitivamente a estas persoas facendo as pertinentes probas científicas. A continuación, outro veciño de Cabreira, José Manuel Martínez, coñecido como Xespi, deu lectura a un poema que realizou especialmente para a ocasión.

O emotivo acto foi fechado pola presidenta da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, Helena Pousa, que explicou os últimos actos e traballos da comisión e os proxectos de futuro, entre o que destaca a posíbel exhumación dos “cinco descoñecidos”. Finalmente, Pousa procedeu á ofrenda floral no novo monólito, ao carón o que se plantou a oliveira, e ao descubrimento da placa conmemorativo, tras o que se cantou o himno galego.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios